Escoitar

O alcalde pídelle á policía que actúe con rapidez na investigación dos asasinatos ocorridos esta semana

venres, 8 nov 2002
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, reclamoulle á policía un esforzo na investigación dos atentados con bomba ocorridos esta semana na cidade para tranquilizar canto antes aos cidadáns. Castrillo cre que a total ausencia de informacións sobre os móbiles destes crimes e sobre a posible identidade dos autores está contribuíndo a crear nerviosismo entre a poboación.

O alcalde vigués pídelle ás autoridades gubernativas que dediquen medios ás tarefas de investigación para poder informar aos cidadáns canto antes das circunstancias que rodearon a colocación dos explosivos nas casas das duas familias viguesas.

Castrillo referiuse ao clima de inquietude que se xera pola falta de información sobre estes casos e recordou que esta mesma situación de incerteza se creou coa morte hai algúns meses dunha xove veciña de Alcabre. O alcalde considera que se está a difundir unha imaxe de Vigo como cidade conflictiva que non responde á realidade e que só se pode contrarrestar cunha actuación eficaz da policía que permita clarexar canto antes estes feitos delictivos.