Escoitar

A concellería de Emprego continuará a colaboración coa Fundación ECCA en formación de mulleres e rapaces

venres, 8 nov 2002
No marco do Plan municipal de emprego, a Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego vén de renovar, por terceiro ano consecutivo, un convenio coa Fundación ECCA Galicia, que ten por obxecto a cooperación nun programa de formación promovido pola devandita entidade e destinado a dous dos colectivos con maiores dificultades na súa integración no mercado laboral, as mulleres e os/as rapaces/zas.

Segundo o texto do devandito convenio, os técnicos do Servicio de orientación laboral (SOL) informarán e divulgarán entre as persoas que pasan polo servicio o “Programa de Formación e Apoio ó Emprego”, que desenvolve a Fundación ECCA, derivando a aqueles que cumpran co perfil previamente definido por esta. Pola súa parte, ECCA comprométese a facer un seguimento personalizado dos usuarios derivados.

O programa de formación da Fundación ECCA, financiado maioritariamente polo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, busca a mellora dos niveis de ocupabilidade das mulleres e dos/as rapaces/zas a través de diversas accións de formación ocupacional (ofimática e atención ó cliente), habilidades sociais e técnicas de busca de emprego. Ata agora acadouse ata un 40% de inserción laboral como resultado do devandito programa.

Hai que destacar que na convocatoria 2000/01 deste programa de formación, un 55% dos beneficiarios foron derivados desde o SOL, sendo dun 32% a presencia dos usuarios do servicio municipal nesas accións formativas no 2001/2002 da Fundación ECCA.