Escoitar

Parques e Xardíns remodela as zonas verdes da avenida Castelao

luns, 11 nov 2002
A Concellería de Parques e Xardíns principia as obras de remodelación das zonas verdes da mediana da avenida Castelao coa retirada da vexetación existente, acondicionamento do terreo e plantación de viváceas e arbustivas. ”Este axardinamento forma parte dunha actuación integral que servirá para renovar a canalización do alumeado”, explicou o concelleiro Henrique Vieitez. Estas obras dispoñen dun presuposto de 102.400 euros.

A primeira fase de axardinamento da avenida Castelao realizarase entre a praza de América e a rúa Estrada e, posteriormente, completarase ata Tomás Paredes. Esta avenida é un emprazamento emblemático da cidade tanto pola cantidade de habitantes da zona como polo paso de visitantes que se dirixen cara as praias.

A mediana que separa os carrís de circulación dispón de coníferas, canas e azaleas formando un axardinamento desestructurado e moi deteriorado a causa das persoas que cruzan a avenida por lugares non indicados. Parques e Xardíns levantará este axardinamento para proceder a acondicionar o terreo e poñer 2.268 unidades de 16 especies vexetais que combinarán floración e colorido. Ademais, sementarase céspede nos espacios laterais.

Manuel de Castro

Tralas obras de remodelación e axardinamento da rúa Manuel de Castro, pintaranse as farolas da cor azul característica das principais arterias de entrada e saída da cidade.