Escoitar

Caballero presentou unha medalla "distintiva de Vigo", que se estreará mañá no Torneo de Reis de fútbol 7 en Samil

A segunda edición do Trofeo de Reis de fútbol 7, previsto para mañá sábado no complexo deportivo municipal de Samil (10:00 horas), presentouse hoxe en Alcaldía con catro equipos invitados máis respecto ao ano pasado (pásase de 17 a 21) e uns 210 xogadores e xogadoras de entre 6 e 11 anos de idade, dado que o torneo é mixto. Xógase en catro campos á vez.

venres, 4 xan 2013
1357320240torneo.JPG
O alcalde, Abel Caballero, advertiu do "número moi significativo" de inscricións e tamén do exemplo docente de que "todos e todas son campións e campioas polo feito de participar". Así, os xogadores e xogadoras, maioritariamente pertencentes ás escolas deportivas municipais, vivirán os partidos coa filosofía de cada sábado que xogan durante o periodo escolar: o resultado non importa. Para reforzar esa idea formativa, o Concello estreará unha nova medalla que se dará en todos os eventos deportivos patrocinados polo mesmo. "Haberá unha nova medalla en todas as competicións deportivas municipais, nas que figurará o escudo do Concello e a bandeira de Vigo. Queremos que sexa unha medalla distintiva", sostivo o rexidor, que recibiu a primeira de mans do seu concelleiro de Deportes, Manel Fernández. Nenos e nenas dos clubs inscritos no torneo xa a colgaron ao pescozo no acto de presentación.

Racing de Castrelos, Independiente, Alerta Navia, Santa Mariña, Balaídos e Casablanca xogarán en catro categorías: mini, prebenjamín, benjamín e alevín, do mesmo xeito que na edición anterior, enfrontándose todos contra todos en partidos de vinte minutos que serán dirixidos por árbitros da competición recreativa Vigo en Xogo. Belarmino Alonso, Milucho, director das escolas deportivas municipais de fútbol, coordina este torneo.

A novidade este ano reside en que ao terminar os encontros disputarase un torneo de penaltis (cada equipo lanzará cinco) que si terá campión. "Vai ser unha troula de penaltis e gardametas", chanceou o alcalde, que se referiu a que haberá oito porterías ao tempo, dando unha maior espectacularidade cara á bancada.

Acudiron á presentación directivos dos clubs e Enrique González, delegado en Vigo da Federación Galega de Fútbol. O xefe do goberno municipal pechou o acto falando cos nenos e nenas asistentes, aos que deu voz e animou a competir. Con Judith, porteira do Independiente, soubo que que ela vai "moi ben pola dereita", coñeceu que Iván, do mesmo club, leva 22 goles ("Messi, ao teu lado, un aprendiz", díxolle), ou que os defensas do Balaídos advertiron que os seus rivais "téñennos medo".
Descargar todas as imaxes