Escoitar

A Corporación solicita por unanimidade o apoio económico da Deputación para a UNED de Vigo

Todos os grupos políticos apoiaron na sesión plenaria de hoxe xoves unha moción socialista que solicita á Deputación que contribúa no finanzamento da Uned de Vigo, tal e como fai noutros concellos da provincia. A concelleira de Educación, Raquel Díaz, lembrou durante o debate que ata o de agora foi o Concello de Vigo o que costeou íntegramente a posta en funcionamento da aula de ensino a distancia.

xoves, 27 dec 2012
A unanimidade dos grupos políticos da Corporación instan á Deputación a contribuir no finanzamento da posta en marcha da aula da Uned en Vigo, que abrirá as súas portas o próximo 18 de febreiro, tal e como avanzou o vicereitor da institución académica. Na sesión plenaria celebrada hoxe xoves, BNG e PP apoiaron unha moción defendida pola concelleira de Educación Raquel Díaz na que se solicita para Vigo o mesmo trato que o organismo provincial dispensa a outros concellos da provincia como Pontevedra ou Lalín, onde si sufraga gran parte do funcionamento das súas respectivas aulas da Uned.

Outra das mocións socialistas que foi aprobada polo Pleno, neste caso co voto a favor do BNG e en contra do PP, insta ao Ministerio de Fomento a restablecer a iluminación da Autovía de Circunvalación (VG-20) -coñecida como segundo cinturón- no seu paso polo termo municipal de Vigo, así como os seus accesos. O texto, defendido polo concelleiro de Fomento, David Regades, tamén solicita á Demarcación de Estradas do Ministerio de Fomento a reparación do pavimento dos carrís perimetrais do citado vial e dos seus accesos.

Por unanimidade tamén foi aprobada unha moción que insta á Xunta a mellorar a seguridade do carril bici das obras correspondentes ao Proxecto de seguridade viarna na PO-325. Treito Vigo: 0+000 ao 8+650. O concelleiro de Fomento aceptou unha engádega do PP e, finalmente, a moción contou co apoio de todos os grupos.