Escoitar

O Concello aproba o seu sexto orzamento consecutivo, que ascende a 228,8 millóns

Este xoves, PSOE e BNG validaron as contas do Concello para 2013, o sexto orzamento consecutivo aprobado "por primeira vez na historia" da cidade, afirmou a edil de Economía. Díaz explicou que o documento céntrase na acción social e no emprego, con menor débeda e presión fiscal para os vigueses.

xoves, 27 dec 2012
O Pleno da Corporación Municipal de Vigo aprobou este xoves inicialmente o orzamento do Concello para 2013, o sexto consecutivo, grazas aos votos dos grupos socialista e nacionalista, coa oposición do PP.

A concelleira de Economía e Facenda, Raquel Díaz, informou na sesión plenaria dos principais datos das contas municipais para o próximo ano, un orzamento de 228,8 millóns de euros -o terceiro máis elevado na historia polo "maior esforzo en gasto social e emprego" realizado-, centrados na "acción social, no emprego e na educación e o deporte", con dous obxectivos básicos: a reducción progresiva da presión fiscal e a rebaixa do endebedamento do Concello, que caerá nun 2,12% quedando no 25,74%, "a cuarta parte da débeda da Deputación de Pontevedra", segundo argumentou a edil.

Díaz apuntou que o de 2013 ten o maior gasto en política social dun orzamento do Concello, 20 millóns de euros, cando hai sete anos adicábase ao efecto 7 millóns. Salientou a socialista o apoio a entidades sociais, os programas de atención e o Centro de Inclusión Social da cidade, o único destas características que xestiona un municipio en Galicia. En materia de emprego, o Concello destina 20 millóns para políticas directas e indirectas, investimentos e convenios para a creación de postos de traballo.

Educación lévase 11,5 millóns deste orzamento municipal, tal e como explicou Díaz, incluíndo partidas para dúas novas escolas infantís municipais a construir en Navia e Lavadores e conxelando os prezos das seis en funcionamento, ademais da próxima apertura da sede viguesa da UNED -que financia integramente a cidade de Vigo- e de incrementar as bolsas de comedor, asumindo o recorte realizado pola Xunta de Galicia nesta materia.

A edil apuntou que Cultura terá un "apoio claro" do goberno local con 7 millóns, incluíndo unha partida para financiar o 90% do orzamento do Museo de Arte Contemporánea de Vigo, e o Deporte, tanto de base como de elite, verá incrementados os seus recursos nun 6%, ata os 8,6 millóns estipulados para 2013.

No capítulo de investimentos, o goberno contará o próximo ano con 14 millóns para "xeración de emprego e infraestruturas de futuro", asegurou a concelleira, como mercados e escolas infantís. O mantemento dos barrios e das parroquias leva 2 millóns de euros e as subvencións á entidades increméntase nun 14,1% ata os 23,5 millóns. Raquel Díaz afirmou que a débeda do Concello de Vigo se verá rebaixada ata "o nivel máis baixo da historia da cidade", un 25,74%.

O voceiro do BNG, Santiago Domínguez, recordou que foron as enmendas incluídas polo seu grupo as que permitiron conxelar as tarifas do autobús e da auga, así como a suba en 3 millóns para emprego e política social, xunto coa inclusión de partidas para dúas novas escolas infantís en Navia e Lavadores.

O responsable do PP, José Manuel Figueroa, ve "insuficiente" un orzamento que "non soluciona os problemas" sociais, culturais e deportivos da cidade. Denunciou o crecemento da débeda ata os 80 millóns, pediu a supresión de organismos autónomos e reclamou ao goberno local facilitar os investimentos en Vigo doutras administracións e de entidades privadas.