Escoitar

A Corporación súmase ás demandas de indulto ao vigués David Reboredo

Os tres grupos políticos con representación municipal respaldaron este xoves unha moción nacionalista prestando o apoio da Corporación "ás demandas de indulto perante o Ministerio de Xustiza para David Reboredo", vigués extoxicómano xa rehabilitado, colaborador na reinserción doutros afectados, que cumpre condena polo tráfico dunha papelina de heroína.

xoves, 27 dec 2012
O Concello de Vigo súmase así ás dúas solicitudes de indulto cursadas perante o Ministerio polo coordinador do programa de autoaxuda VIH Sida e Adicións IMAN da Unidade Asistencial de drogodependencias do Concello de Vigo, Antón Bouzas, polas condenas decretadas en 2007 e 2010.

O Pleno aprobou a resolución que manifesta "o apoio da Corporación Municipal ás demandas de indulto" presentadas ante Xustiza para David Reboredo, instando ao Concello de Vigo "no caso de denegación destas demandas, a solicitar de novo o indulto" para este vigués.

David Reboredo conseguiu a deshabituación e rehabilitación da súa dependencia e, desde entón, mantívose afastado da actividade delictiva, colaborando co Grupo IMAN na súa acción contra a drogadicción. Segundo indica a moción, o seu ingreso na cárcere "supón botar por terra todos estes anos de tratamento, abandono do consumo e rehabilitación socio-comunitaria que conseguiu polos seus propios méritos".