Escoitar

O alcalde anuncia a conxelación do prezo do autobús en 2013 e non subirá a achega á empresa

Abel Caballero informou hoxe xoves que o Concello de Vigo non incrementará a tarifa do autobús urbano en ningunha das súas modalidades en 2013 nin tampoco subirá a achega de fondos públicos municipais á empresa, que asumirá o custe. Indica o alcalde que Vigo é "a única cidade de España" que non sube o autobús.

mércores, 26 dec 2012
1356540518alcalde6.jpg
Tras a celebración do Consello de Transportes e da Xunta Local de Prezos, o goberno local acordou conxelar as tarifas do autobús urbano para 2013 nas súas distintas modalidades e decidiu non incrementar a achega do Concello á empresa.

Abel Caballero explicou que Vigo é "a única cidade de España que conxela o prezo do autobús urbano" para 2013. O Concello de Vigo abona a VITRASA 1,27 euros por cada billete e compensa a diferenza co 1,24 euros que paga o usuario. A petición inicial da compañía para 2013 era incrementar o prezo ata 1,35 euros, rebaixada despois ata 1,32 euros, mentres que a fórmula matemática que establece a concesión municipal remite a un incremento de tres céntimos (1,30 euros).

Desde o Concello de Vigo, asegurou o alcalde, "non lle aceptamos ningunha suba", polo que os usuarios pagarán en 2013 o mesmo que en 2012 e a empresa percibirá a mesma cantidade de fondos municipais que este ano. Caballero afirmou que o goberno municipal adopta esta decisión "nas circunstancias actuais" de "crise" que afronta a cidadanía.

Taxis
O Consello de Transportes tamén acordou os prezos dos taxis para 2013 que, segundo o cálculo estipulado, a baixada de bandeira na tarifa 1 (días laborables) pasa de 3,25 a 3,45 euros e o quilómetro percorrido sube un 5,6%. Na tarifa 2, de domingos e festivos -que no 2013 inclúen como novidade os sábados e o inicio ás 22 horas-, a baixada de bandeira pasa de 3,4 a 3,59 euros.
Descargar todas as imaxes