Escoitar

O Concello enche o IFEVI de actividades de ocio infantil e familiar na décima edición de Vigolandia

Vigolandia abre as súas portas o día 26, e ata o 30 de decembro, cunha ampla oferta de actividades para todos os públicos. Na súa décima edición, o evento recollerá xoguetes e, como novidade, alimentos non perecedeiros para entidades benéficas. As entradas costarán 3 euros, 2 para os menores de 14 anos.

venres, 21 dec 2012
1356093076vigolandia.JPG
Abel Caballero recibiu este venres ao xerente do IFEVI, Arsenio Prieto, e representantes das numerosas empresas colaboradoras con Vigolandia, que inicia a súa décima edición na tarde do 26 de decembro -de 16 a 21 horas-, abrindo ás 11 de mañá entre o 27 e o 30 deste mes.

Vigolandia, actividade de ocio infantil e familiar en época de vacacións escolares, ofrece o habitual punto de recollida de xoguetes para a Asociación Vida Digna e, como novidade este ano, tamén haberá un punto de entrega de alimentos non perecedeiros para entidades sociais.

O recinto feiral de Vigo ofertará 19.000 metros cadrados de actividades para todos os públicos, como ludotecas, obradoiros, circuitos de coches a pedais, mostras de vehículos, xogos de mesa, áreas deportivas, videoxogos, inchables, manualidades, etc. A programación está dispoñible na web do IFEVI.

Concurso de pintura
Un ano máis, Vigolandia acollerá os debuxos dos escolares participantes no tradicional Concurso de pintura, este ano baixo a temática "A Solidariedade no Nadal", para nenos de entre 6 e 12 anos.

A participación continúa a medrar e nesta edición foron 25 os centros educativos que se inscribiron no concurso e 2.000 os debuxos presentados polo alumnado, que estarán expostos no Instituto Feiral de Vigo durante a celebración deste evento.
Descargar todas as imaxes