Escoitar

Inauguración exposición "15 contos breves e extraordinarios" da Fundación María José Jove

Este xoves, 8 de novembro, ás 20,00h, terá lugar na planta baixa da Casa das Artes a inauguración da exposición "15 contos breves e extraordinarios", organizada pola Fundación María José Jove, en colaboración coa Concellería de Cultura e Festas, unha mostra coa que a fundación culmina o seu proxecto sobre arte contemporánea e discapacidade, unha iniciativa pioneira en Galicia.

mércores, 7 nov 2012
1352287608jove.jpg
A exposición xira en torno á relación que, persoas con diferentes niveis de discapacidade intelectual, establecen con obras de arte contemporánea que forman parte dos fondos da Colección de Arte Fundación María José Jove, e cos seus respectivos autores. Cun deseño dinámico e coidado, amósase unha selección de imaxes fotográficas, vídeos, comentarios e reflexións, procesos artísticos, interrelación co artista invitado, etc., xunto ás 15 obras orixinais da citada colección (Pigmalión, de Leiro; Dulce Amor, de Lamazares; La escalera de caracol, de Cáccamo; Galos e Galiñas, de Freixanes; etc), e xunto ás súas "xemelgas", realizadas polas e polos participantes no programa.


No proxecto teñen colaborado 15 artistas galegos: Antón Lamazares, Anxel Huete, Berta Cáccamo, Darío Basso, José Freixanes, Din Matamoro, Francisco Leiro, Fruela Alonso, Itziar Ezquieta, Jorge Barbi, Manolo Paz, Manuel Quintana Martelo, Pablo Gallo, Vicente Blanco e Xavier Corrrea Corredoira, que traballaron á beira de 15 persoas con discapacidade intelectual para amosar a súa visión da arte contemporánea.


A mostra estará aberta ao público ata o 9 de decembro.
Descargar todas as imaxes

Máis información