Escoitar

PSOE e BNG dan luz verde a unhas ordenanzas fiscais con bonificacións para 75.000 vigueses

Os votos de socialistas e nacionalistas aprobaron no pleno extraordinario desta mañá as ordenanzas fiscais para 2013, que inclúen a conxelación nominal da taxa da auga. A concelleira de Facenda, Raquel Díaz, anunciou durante o debete a introducción de bonificacións que beneficiarán a 75.000 vigueses.

xoves, 25 out 2012
O Pleno municipal aprobou inicialmente as ordenanzas fiscais do ano 2013 -cos votos favorables do PSOE e do BNG- que inclúen a conxelación nominal do recibo municipal da auga, o que suporá un aforro de 800.000 euros para os vigueses. Durante o debate plenario, a concelleira de Facenda, resaltou que esta non aplicación do IPC nesta taxa, contrasta co novo canon de saneamento co que a Xunta de Galicia grava o recibo da auga dos vigueses.

Logo de resaltar que a política fiscal social ten un papel relevante en momentos de crise como os actuais "porque permite unha atención especial aos colectivos máis desfavorecidos e máis danados pola crise". Deste xeito, aumentarán as familias que non teñan que abonar as taxas e impostos municipais en 2013 con respecto ao presente ano, xa que o goberno de Vigo eleva nun 4,1% o importe mínimo de ingresos anuais per cápita necesario para o pago destes. A cifra pasa de 3.752 a 3.827 euros e, para as familias numerosas, de 5.861 a 5.987 euros.

O goberno local, indicou a concelleira, recolle a conxelación nominal das escolas infantís municipais e da asistencia domiciliaria, así como todas as bonificacións e exencións implementadas en anos anteriores. Respecto das taxas de actividade, en negocios de menos de 150 metros cadrados, redúcese no 90%; en negocios de entre 151-201 metros cadrados, redúcese no 60%; e en negocios de entre 201-500 metros cadrados, redúcese no 30%. Mantense a redución do 3% do IBI por pago en dous prazos, a bonificación do 75%, durante dous anos, para vehículos ecolóxicos.

Con estes datos, Díaz estimou en 75.000 os cidadáns beneficiados polas medidas fiscais do Concello, o que rebaixará a presión impositiva para os vigueses, cidade que xa en 2012 ten a presión fiscal máis baixa das principais cidades galegas.

Ademais se incorporan novos colectivos exentos do pago do recibo do lixo, familias monoparentais, familias numerosas, maiores de 65 anos que vivan sos, parados de longa duración e persoas con cargas familiares en situación de desemprego de máis de 22 meses ininterrumpidamente con ingresos inferiores a 10.934 euros.

Tamén quedan exentos do pago do lixo os dependentes con ingresos menores a 7.654 euros, maiores de 65 anos con ingresos inferiores a 10.934 euros e maiores de 65 que vivan sos con menos de 12.757 euros anuais.

Raquel Díaz explicou que en 2013 rebaixarase un 10% a taxa do lixo a aquelas actividades económicas que veron incrementado o IVE do 8 ao 21% por parte do Goberno de España, "para compensarlles unha parte da brutal carga impositiva" decretada polo executivo presidido por Mariano Rajoy. Diaz detallou que se beneficiarán os cines, as papelerías, as droguerías, floristerías, perruquerías, ximnasios e clínicas veterinarias.