Escoitar

Exposición "Un canto e unha luz na noite"- Consello da Cultura Galega

O martes día 9 de outubro, ás 20:00 horas, inaugurarase na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2) a exposición "Un canto e unha luz na noite. Asociacionismo cultural en Galicia (1961-1975)", organizada polo Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Fundación "10 de Marzo", e coa participación da Concellería de Cultura e Festas.

luns, 8 out 2012
1349697899canto.jpg
A exposición, comisariada e coordinada por Ricardo Gurriarán, ten como obxecto poñer en valor, a través de vintedous paneis explicativos e nove vitrinas, o papel que desempeñaron as asociacións culturais en Galicia e os seus axentes durante os últimos quince anos da ditadura franquista (1961-1975). Desde as primeiras iniciativas de rescate da cultura galega comezadas por Galaxia e a súa rede, as accións daqueles mozos e mozas foron determinantes para estender a lingua á cultura identitaria mediante a fórmula asociativa, nun marco pouco propicio para este labor. A súa metodoloxía integradora, tendendo pontes co galeguismo de antes da guerra, e a súa penetración no tecido social foron determinantes para consolidar os pasos precisos no camiño da construción dunha cultura nacional.

Gurriarán lembra que a mostra baséase nunha importante recolleita de material, ano e medio de traballo para xuntar máis de vinte mil documentos -xa dixitalizados e depositados no Consello da Cultura Galega a disposición dos investigadores- e en entrevistas con dúas ducias de persoas relacionadas con aquela dinámica asociativa. Asemade, elaborouse un libro-catálogo no que 19 autores analizan outras tantas facetas daquel legado asociativo orientado á defensa e á promoción da lingua e da cultura de Galicia. Figuran ahí as contribucións de Antón Santamarina, Henrique Harguindey, Camilo Nogueira, Xosé María Palmeiro, Xosé Luís Chao, Xosé Carlos Sierra, Lalo Gutiérrez, Manuel Lourenzo, Tino Caamaño, Alfonso Vázquez Monxardín, Antón Costa, Miguel Anxo Seixas, Manuel F. Rodríguez, Euloxio R. Ruibal, Elías Torres, Martinho Montero, Luís Álvarez Pousa, Xesús Alonso Montero, Malores Villanueva e Manuel Caamaño.
Descargar todas as imaxes

Máis información