Escoitar

Dous concelleiros representarán ao Goberno local na manifestación convocada en Madrid en defensa dos traballadores públicos

Santos Héctor e Manel Fernández representarán ao Goberno municipal na manifestación en defensa dos traballadores públicos convocada o próximo fin de semana en Madrid. Así o anunciou o alcalde ao tempo que reiterou o seu compromiso a buscar fórmulas legais que permitan manter a capacidade adquisitiva dos funcionarios e traballadores.

mércores, 12 set 2012
O Goberno municipal apoia a manifestación convocada polos sindicatos este fin de semana en Madrid en defensa dos traballadores públicos, funcionarios e contratados. Os concelleiros Santos Héctor e Manel Fernández viaxarán á capital en representación do Goberno local que, tal e como explicou esta mañá o rexedor, mantén a súa vontade de que non se recorte a capacidade adquisitiva dos traballadores públicos. Neste senso, lembrou o encontro que vai manter o próximo venres co comité de empresa do Concello evidenciando a "nosa decisión de facer, dentro da legalidade, todos os esforzos necesarios" para que non se sigan recortando salarios. Lembrou que os traballadores do Concello teñen o apoio do Goberno municipal, tal e como o tiveron noutros momentos os empregados de Grafinsa, Povisa ou Citroën.