Escoitar

Os grupos súmanse á decisión do Goberno local de non ampliar a concesión de Vitrasa

A unanimidade do Pleno respaldou esta mañá unha moción que insta ao Goberno local a non tomar medida algunha cara á ampliación do contrato de concesión do transporte público urbano de Vigo. O concelleiro delegado a área, Carlos López Font, explicou que, tal e como avanzou o rexedor, ese contrato sairá á concurso público cando venza o contrato.

luns, 10 set 2012
Populares, socialistas e nacionalistas uniron esta mañá os seus votos para tomar un acordo plenario que insta ao Goberno municipal a non tomar medida algunha cara a ampliar o contrato do transporte urbano de Vigo. No texto, defendido polo Partido Popular, solicita que se manteña a actual data de remate do contrato con Vitrasa, en beneficio de todos os veciños e veciñas de Vigo. Pola súa banda, o concelleiro de Transportes, Carlos López Font, asegurou durante o seu tempo de réplica que o Goberno local apoia esta moción porque, tal e como anunciou o rexedor, o Goberno local nunca se prantexou a prórroga desta concesión, senón que o servizo sairá a concurso público cando remate o contrato.

Outra das mocións aprobadas na sesión plenaria desta mañá pasou por instar ao Goberno local que esixa á concesionaria do Auditorio do Mar a que se dote de equipamento técnico. O texto, que contou co unánime apoio da Corporación, avoga porque esta infraestrutura se equipe convenientemente para o normal desenvolvemento das súas actividades culturais.