Escoitar

O Pleno rexeita a decisión de impor aos traballadores públicos novas perdas de poder adquisitivo

BNG e PSOE deron luz verde a unha moción na que se insta á Xunta de Goberno local buscar fórmulas, respectando sempre a lexislación vixente, para compensar a perda de poder adquistivo dos traballadores públicos municipais. No mesmo texto, defendido polos nacionalistas e co voto en contra do PP, manifestase o rexeitamento da Corporación ás medidas reguladas polo Real Decreto-lei, 20/2012 do 13 de xullo aprobado polo Goberno Central.

luns, 10 set 2012
Os votos de nacionalistas e socialistas aprobaron na sesión plenaria desta mañá unha moción que insta ao Goberno municipal a compensar a perda de poder adquisitivo dos empregados públicos, adoptando as medidas que foran oportunas e respectando sempre a lexislación vixente. O texto, que foi presentado polo BNG e que saíu adiante co voto en contra do Partido Popular, manifesta o rexeitamento da Corporación Municipal ás medidas reguladas polo Real Decreto-Lei 20/2012, do 13 de xullo. Concretamente, a moción critica a decisión de impoñer aos empregados públicos, particularmente aos vinculados aos concellos, novas perdas de poder adquisitivo que terán un efecto indirecto sobre o consumo no concello e no tecido económico local.