Escoitar
Xa está aberto o prazo de preinscripción.

O Maratón Fotográfico de Vigo quenta motores

A XVII edición do concurso que organiza o Concello de Vigo será unha cita ineludible para os amantes da fotografía este fin de semana. Dende o serán do sábado os participantes teñen 24 h. para facer e entregar as súas fotos.

mércores, 8 ago 2012
1344420717maraton.jpg
Cartel do XVII Maratón Fotográfico
Un ano máis, as Festas de Verán de Vigo reservan unha prestixiosa cita coa fotografía. A cidade acolle durante un día enteiro a apaixonados desta disciplina artística na busca dun escenario perfecto que fotografar. A calidade e o nivel do concurso son elevados, e acorde a estas envexables características do Maratón repártense uns suculentos premios en metálico, con 1.000€ para o gañador. As persoas que desexen participar terán 45 minutos a partir do sábado ás 20 h. para formalizar a súa inscrición na Praza do Pobo Galego, unha inscrición que xa poden ter reservada previamente vía correo electrónico.

Bases do concurso:

INSCRICIÓN
Poderán participar todas aquelas persoas maiores de catorce anos que formalicen a súa inscrición o día do maratón na Praza do Pobo Galego entre as 20:00 e 20:45 horas. Tamén se poderá facer unha preinscrición vía correo electrónico na seguinte dirección: info@agrupacionfotograficagalega.com, esta inscrición deberase formalizar co pagamento da cota no horario anteriormente mencionado o día do maratón. Os/as participantes deberán aboar a cantidade de 10 euros, en concepto de inscrición.

CATEGORÍAS
Poderase participar en categoría analóxica ou dixital. Só se poderá participar nunha delas. Os participantes da categoría dixital deberán entregar as súas fotos en formato de arquivo JPEG, modo de cor RGB, e a unha resolución suficiente para amplialas a 20x30cm como mínimo, aconsellamos que traballedes á máxima calidade das vosas cámaras fotográficas. Os/as participantes na categoría analóxica recibirán un carrete de fotos e un CD os da categoría dixital.

PREMIOS
Os premios para os/as gañadores/as serán os seguintes:
Primeiro premio…1.000 euros
Segundo premio….500 euros
Terceiro premio…...300 euros
Estes premios concederánselle á serie fotográfica. O xurado poderá establecer algún outro premio especial se así o estimase pertinente.

SAÍDA
Ás 21 horas do sábado 11 de agosto darase a saída ao Maratón e informarase os/as participantes dos temas deste concurso.

TEMAS E CONTROIS
Os/as participantes deberán fotografar catro temas que serán facilitados pola organización en cadanseu control. Todas as fotografías deberán realizarse dentro dos límites do concello de Vigo. Os/as participantes deberán pasar un control nun lugar e hora que indicará a organización.

ENTREGA DAS FOTOS
Os/as participantes deberán entregar o seu carrete (categoría analóxica), na praza Praza do Rei, as 20.00 horas do domingo día 12. Os/as participantes da categoría dixital deberán entregar á organización un CD ou soporte dixital (tarxeta de memoria) na que incluirán as catro fotos que representen a cada un dos temas propostos. Se algún participante non pode facer a gravación do CD, a organización disporá dun ordenador con lector de tarxetas para realizar a descarga das fotografías no control de entrega. No entanto, pregamos a todos os participantes que preferiblemente entreguen as súas fotos nun CD para facer o proceso máis sinxelo.

XURADO
O xurado de cualificación, tras unha primeira selección, valorará as fotos preseleccionadas, xurado que estará composto polos seguintes membros: PRESIDENTE: A Concelleira delegada de Cultura e Festas ou persoa en quen delegue. VOCAIS: Un mínimo de catro persoas de recoñecido prestixio, relacionadas co mundo da fotografía, da imaxe, artes ou medios de comunicación… SECRETARIO: Un membro da Agrupación Fotográfica Galega, con voz e sen voto.

EXPOSICIÓN
Coas fotografías seleccionadas realizarase unha exposición, o lugar e data están por determinar. O veredicto do xurado terá lugar o día da inauguración desta exposición e será inapelable.

NORMAS DO MARATÓN
Aqueles participantes que non pasen por algún dos controis establecidos e dentro do horario estipulado ou incumpran algunha destas bases serán descualificados/as. A organización non se fai responsable do deterioro ou extravío que puidesen sufrir os carretes, copias ou os arquivos dixitais. As obras seleccionadas, gañadoras, premios e os accésit quedarán en propiedade do Concello de Vigo. O/a autor/a cederá en exclusiva e irrevogablemente os dereitos de reprodución das series fotográficas en publicacións de carácter institucional, en exposicións ou en calquera outra modalidade que o Concello considere oportuna. Durante o transcurso do maratón existirá un Comité de Control, formado por tres persoas da organización, que estará facultado para resolver as controversias ou circunstancias especiais que puidesen xurdir, así como para interpretar as presentes bases. A súa decisión terá carácter definitivo. A Concelleira delegada de Cultura e Festas queda facultada para resolver as posibles controversias que poidan xurdir na interpretación das presentes bases. A participación neste maratón implica a plena aceptación das bases.


Descargar todas as imaxes