Escoitar

O alcalde avanza que o plano de eficiencia enerxética supón un aforro anual de 400.000 euros ao Concello

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cifrou esta mañá en máis de 400.000 euros o aforro que supón para as arcas municipais a posta en marcha dun plan de eficiencia enerxética no alumeado público de Vigo. Esta iniciativa, dixo "non é un proxecto, senón unha realidade porque xa está funcionando sen merma na eficacia lumínica"

luns, 2 abr 2012
1333368005ahorro.jpg
Abel Caballero presentou esta mañá de luns as medidas de aforro do alumeado, dous días despois de celebrar do Día do Planeta no que o Concello acometeu o apagado simbólico da praza de España, Praza do Rei, edificio municipal do Areal, e a pérgola de Aragón. Trátase, indicou, de mostrar simbólicamente o compromiso deste Concello co aforro enerxético, unha aposta que se ratifica, coa presentación do plan de aforro enerxético no alumeado público, "algo que xa está funcionando, que non é un proxecto", destacou.

Durante a rolda de prensa recalcou que se están a tomar medidas desde catro plataformas, redución horario, equipos reguladores, redución potencia e apagados parciais. A redución de horarios -15 minutos de noite e outros 15 de madrugada- permitiu aforrar 89.825 euros, a instalación de equipos reguladores, supuxo aforrar 79.526 euros, a redución da potencia contratada en zonas, 52.700 euros, e, por último, o apagado selectivo de puntos de luz, que enlaza co mapa lumínico, que permitiu un aforro de 182.969 euros e consiste en apagar puntos de luz en zonas iluminadas por riba da media. Estas catro medidas, insistiu, están producindo aforros de 405.000 nun ano o que se traduce nun aforro dun 12,59 por cento da facturación total anual, situada en 3.218.139 euros. O aforro máis destacado rexístrase no Casco Urbano que se eleva a 195.000 euros.

O rexedor enfatizou esta minoración do gasto por riba dun 12% ao longo de 2012 sen que prácticamente a cidade se decate "porque estas medidas non se aprecian en termos de eficacia lumínica". Na súa opinión, isto significa que había capacidade real de aforrar sen diminuír prestacións. Nun momento no que se acaba de aprobar unha suba no prezo da luz dun 7% para os Concellos, lembrou, "en Vigo seguiremos aforrando un 5% na tarifa eléctrica".

Baixo consumo
Na liña de abondar no aforro enerxético no futuro máis inmediato, o rexedor anunciou que ao longo deste ano sairá a concurso a renovación do 25% das lámparas da cidade de Vigo por unidades de baixo consumo. A renovación destes puntos de luz prolongarase os próximos tres anos. Xa para rematar felicitou ao concelleiro de Fomento e os técnicos polo traballo desenvolvido "porque probablemente somos o primeiro concello de España en acometer este tipo de iniciativas".
Descargar todas as imaxes

Máis información