Escoitar

Manel Fernández anuncia a continuidade en 2012 do circuíto Cidade de Vigo de carreiras populares na presentación de Carreira do Pavo

O Gran Premio Pedestre de Nadal, a tradicional Carreira do Pavo, disputarase este domingo na contorna da Alameda co apoio da Concellería de Deportes e o patrocinio de El Corte Inglés, que dá nome ao premio. A proba, que espera non baixar dos 600 inscritos para todas as carreiras (haberá oito saídas segundo idades), definirá o circuíto de carreiras populares Cidade de Vigo, que bota o pano logo dunha terceira edición na que segue crecendo.

martes, 13 dec 2011
1323786248pavo.JPG
"Xa estamos traballando no circuíto do vindeiro ano", sinalou Manel Fernández, concelleiro de Deportes, durante a rolda de prensa de presentación da carreira, que alcanza a súa edición número 50. A do Pavo é a máis veterana de cantas probas en ruta existen en Vigo ao comezar en 1943. Ao longo da súa historia deixou de realizarse en varias oportunidades, a derradeira en 1999, e agora leva doce edicións seguidas e incorporou aos atletas populares.

A carreira do Pavo, cuxa inscrición de balde está aberta ata o xoves, pon o punto final ao circuíto 2011, que este ano contou con sete probas; o domingo, a delegación viguesa da Federación Galega de Atletismo presentará o aliciente da ampliación do percorrido ao correr polas Avenidas. Cada volta será de 2.050 metros fronte aos 1.600 metros do ano anterior, "co que haberá menos atletas dobrados", explicou Eleuterio García, presidente da delegación.
Descargar todas as imaxes