Escoitar

O goberno local oferta 105 prazas nos obradoiros infantís de Nadal

O concelleiro de Participación Cidadá, Santos Héctor, presentou este martes a edición de Nadal dos obradoiros infantís gratuitos, que acollerán os centros cívicos municipais entre o 23 de decembro e o 5 de xaneiro. A inscripción ábrese o venres no teléfono 010 para nenos entre 3 e 13 anos, repartidos por grupos de idade. As actividades serán de mañá e dan cumprimento a un "compromiso" adquirido polo alcalde ao inicio do anterior mandato, segundo indicou o edil.

martes, 13 dec 2011
1323781565santos.jpg
O concelleiro de Participación Cidadá e Voluntariado, Santos Héctor, presentou hoxe martes as actividades gratuitas que programa o goberno local para o Nadal, dirixidas a un total de 105 nenos e nenas de 3 a 13 anos nos catro centros cívicos municipais.

Do 23 de decembro ao 5 de xaneiro, os centros de Saiáns, Coruxo, Teis e do Casco Vello acollerán en horario de mañá obradoiros de pintura e decoración de árbores de nadal, xogos infantís tradicionais, teatro ou contacontos, entre outras.

A inscripción abrirase o venres no teléfono municipal gratuito 010, completando a oferta de prazas por orde de chamada. Os rapaces serán distribuidos en dous grupos de idade, por unha banda entre 3 e 7 anos e, por outra, entre 8 e 13.

Explicou Santos Héctor que os obradoiros celebraranse en horario de mañá, entre as 10 e as 13 horas nos centros cívicos de Teis, Saiáns e Coruxo, e de 09:45 a 12:45 horas no do Casco Vello.

O concelleiro indicou que esta programación responde ao "compromiso" asumido polo alcalde, Abel Caballero, ao inicio do mandato anterior, á petición das familias. O Concello ofrece actividades para os máis pequenos nos periodos vacacionais de Nadal, o verán e o entroido.
Descargar todas as imaxes