Escoitar

O tenente de alcalde di que o Convention Bureau pechou xa 14 congresos con 12.000 visitantes e un retorno de 9 millóns

O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, presentou este xoves a XXI Reunión Anual da Asociación Galega de Psiquiatría, que reunirá a máis de 200 profesionais os días 24 e 25 de xuño no Pazo de Congresos. O nacionalista afirmou que estas xornadas forman parte dos 14 congresos que xa pechou o Vigo Convention Bureau, que traerán á cidade máis de 12.000 congresistas e un volume de negocio superior aos 9 millóns de euros.

xoves, 5 mai 2011
1304597285Congreso.JPG
Santi Domínguez agradeceu á Asociación Galega de Psiquiatría que elixira Vigo como sede da súa vindeira xuntanza, que afondará "nunha cuestión de gran relevancia nos nosos tempos, como é a psicoxeriatría", no obxectivo de tratar de chegar a conclusións que permitan mellorar a calidade de vida das persoas maiores.

O tenente de alcalde afirmou que a celebración na cidade destas xornadas súmase ao traballo realizado polo Vigo Convention Bureau no último ano e medio, que permite anunciar que o Congreso de Censores de Contas reunirá en novembro a máis de 700 profesionais. O nacionalista avanzou que o traballo non está só centrado nas actividades deste ano, senón tamén que para o 2012, entre outros, xa está pechado o XXIII Congreso Anual da Sociedade Española de Diabetes, que contará coa participación de máis de 1.000 profesionais.

A presidenta do comité organizador da XXI Reunión Anual da Asociación Galega de Psiquiatría, Pilar Pérez, explicou que estas xornadas reunirán en Vigo "practicamente á totalidade dos psiquiatras que hai en Galiza", feito polo que manifestou a súa satisfacción. Respecto ao tema do congreso, sinalou que se elixiu a psicoxeriatría "para dar resposta a unha demanda dos profesionais e dos pacientes", tendo en conta que o alongamento da vida provoca a aparición de máis patoloxías psiquiátricas; pola súa banda, o lema, "Coida de min", fai referencia a que tanto profesionais como coidadores dos enfermos tamén necesitan ser coidados.
Descargar todas as imaxes