Escoitar

Xabier Alonso anima a participar na carreira solidaria e non competitiva San Silvestre que terá lugar o día 31 en Castrelos

O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, animou aos vigueses e viguesas a participar na sexta edición da "carreira popular e non competitiva" San Silvestre, que se celebrará o vindeiro 31 de decembro no parque de Castrelos a partir das 17 horas. O nacionalista destacou que a proba "combina deporte e solidariedade", xa que as persoas que queiran participar deberán doar alimentos non perecedoiros a modo de inscrición que serán entregados ao Banco de Alimentos.

martes, 28 dec 2010
1293543889Silvestre.JPG
"Participar nesta carreira é unha boa maneira de rematar o ano e abrir boca a través do deporte", salientou Xabier Alonso. Na presentación da proba, na que participaron o representante do Club Atletismo Vigo, Guillermo Díez, e o representante do Banco de Alimentos, Pedro Pereira, o concelleiro de Deportes destacou a ilusión coa que tanto nenos e nenas como os maiores fan a súa achega de alimentos. "Espero que teñamos unha boa xornada deportiva para recadar moitos alimentos", manifestou.

Xabier Alonso agradeceu o traballo que fai o Club Atletismo Vigo "ao longo de todo o ano no parque de Castrelos", como apoio aos corredores que empregan o circuíto para os seus adestramentos. Neste sentido expresou a súa confianza de que este espazo manteña o seu "carácter deportivo".

O representante do Club Atletismo Vigo fixo fincapé en que se trata dunha proba solidaria, na que o principal motivo da carreira é a recollida e a entrega de alimentos a unha entidade benéfica que varía cada ano. Avanzou que despois da carreira haberá un sorteo de agasallos entre os participantes.

O representante do Banco de Alimentos agradeceu a doazón, porque asegurou que na situación de crise actual son moi necesarias as alternativas deste tipo. Tanto Pedro Pereira como Guillermo Díez agradeceron ao concelleiro de Deportes a súa colaboración e apoio.
Descargar todas as imaxes