Escoitar

O alcalde recibiu ao novo director do Auditorio de Beiramar, o galego Daniel Miranda

Abel Caballero entrevistouse na tarde de onte luns co novo director do Auditorio Pazo de Congresos de Beiramar, o galego Daniel Miranda, e coa presidenta de Congrevigo, Ascensión Durán, empresa encargada da xestión desta dotación. Os prazos da obra prevén á súa finalización este ano, tras o que a concesionaria habilitará o espazo para abrilo ao público cunhas xornadas de portas abertas para a cidadanía.

martes, 16 nov 2010
1289910384Auditorio.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, mantivo onte luns unha entrevista co novo director do Auditorio Pazo de Congresos de Beiramar, o galego Daniel Miranda, quen estivo acompañado da presidenta de Congrevigo, Ascensión Durán, encargada da xestión do novo espazo.

Segundo os prazos establecidos da obra, a construcción desta nova dotación rematará este mesmo ano e en xaneiro a empresa concesionaria o recibirá e o preparará o seu interior para a súa apertura ao público. O Concello ten previsto xornadas de portas abertas para que a cidadanía poida coñecer en profundidade o novo edificio.

Daniel Miranda, o novo director do Auditorio, é un padronés de 31 anos con experiencia no Centro de Congresos de Estoril, o Palacio de Congresos da Coruña e a División de Congresos, Convencións e Incentivos de Viaxes O Corte Inglés. Miranda tamén é autor dun libro sobre o potencial do turismo de congresos en Galicia.

O Auditorio Pazo de Congresos de Beiramar ten xa cinco grandes eventos confirmados, o primeiro destes será o congreso europeo do mercado de incentivos, reunións e eventos (MITM) e terá lugar no próximo mes de abril de 2011.

Xunto á estrutura congresual está ubicado o novo hotel de catro estrelas que xestionará Carril Hoteis. A obra de construcción está xa finalizada e entregada a empresa hoteleira, que actualmente está a decorar o seu interior con data prevista de apertura para febreiro. O edificio contará con 125 habitacións das que entre un 80 e 90% terán vistas á Ría de Vigo e dará emprego directo a unhas 25 persoas e indirecto a outras 35, segundo as estimacións da propia compañía.
Descargar todas as imaxes