Escoitar

A concelleira de Economía subliña que desde 2005 "rebaixamos un 60% o nivel de endebedamento" do Concello

Raquel Díaz explicou que a xestión do goberno municipal posibilitou que, con respecto ao ano 2005, a débeda do Concello pasara dun 47% ao 19% actual ao tempo que os investimentos neste mandato multiplicáronse por cinco. "A nosa acción de goberno é visible e responsable", indicou a socialista, pois sitúa a Vigo como o gran concello español en réxime común con menor nivel de débeda.

martes, 14 set 2010
1284466213Raquel.jpg
A concelleira de Economía e Facenda, a socialista Raquel Díaz, subliñou este martes que "rebaixamos un 60% o nivel de endebedamento" do Concello desde 2005, ao tempo que multiplicáronse os investimentos.

A edil salientou a xestión do goberno municipal liderado por Abel Caballero en materia económica, citando que o endebedamento defendido e aprobado no orzamento de 2005 era do 47% mentres que a liquidación do ano 2009 deixou unha débeda do 19%.

Raquel Díaz vencellou a caída da débeda do Concello a que Vigo sexa actualmente a gran cidade menos endebedada de España -só superado por Bilbao, que ten un réxime foral específico-, e fora citada como exemplo pola ministra de Economía do Goberno de España, Elena Salgado.

Asimesmo, a concelleira contrastou a rebaixa da débeda co incremento dos investimentos municipais, que pasaron de 54 millóns de euros no mandato anterior aos 272 millóns do actual goberno local. "A nosa acción de goberno é visible e responsable", concluíu a socialista.
Descargar todas as imaxes