Escoitar

A humanización de Condesa Casa Bárcena, San Salvador e Santo Domingo ascende a 1,4 millóns

Abel Caballero visitou na mañá deste mércores as obras e destacou que pese a complexidade dos traballos os prazos marchan sobre os tempos previstos. As rúas contarán con máis de 70 árbores, 40 farolas, 42 xardineiras e separación da rede de fecais da de pluviais, entre outras actuacións. Esta humanización enlazará coa de Urzáiz e deixará a zona totalmente transformada

mércores, 25 ago 2010
1282738801ccbarcena.jpg
O alcalde de Vigo afirmou na visita que a obra vai "sobre o tempo previsto" polo que se espera que para o mes de novembro os traballos estean rematados. O rexedor felicitou a empresas dada a "alta complexidade da obra"; de feito insistiu en que se trata da humanización máis complexa técnicamente das acometidas ata o momento.

Como exemplo referiuse á separación das redes de pluviais e fecais que obrigan a "facer profundacións de ate 4 metros para poder tender en dous niveis as fecais e as pluviais de xeito que se respete a depuradora", afirmou o socialista. Todo elo nunha zona densamente poboada e na que a orografía caracterízase por fortes pendentes. A elo hai que engadir, tal e como explicou Abel Caballero, que hai soterrada unha rede eléctrica de alta tensión que obriga á empresa a prestar "especial atención".

Unha vez rematados os traballos, a humanización destas tres rúas enlazará coa de Urzáiz deixando como resultado unha zona totalmente transformada e moderna, segundo afirmou Caballero.
Descargar todas as imaxes