Escoitar

Eudosio Álvarez critica a redución da Xunta ás axudas á rehabilitación, que afecta a 35 actuacións xa en marcha

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, manifestou este mércores a súa preocupación pola redución en 300.000 euros das axudas á rehabilitación de vivendas acometida pola Xunta de Galiza no seu decreto do 1 de xullo. Segundo destacou o concelleiro nacionalista, esta decisión afecta a 35 actuacións que xa se están desenvolvendo nos barrios históricos do centro de Vigo e Bouzas.

mércores, 25 ago 2010
1282741179axudas.JPG
"Volvemos ao sistema que había hai oito ou dez anos, que foi absolutamente infrutífero", asegurou Eudosio Álvarez. Na súa intervención sinalou que neses momentos as axudas eran ridículas, de xeito que co goberno bipartito da Xunta, "e nomeadamente coa conselleira de Vivenda, Teresa Táboas", apuntou, decidiuse impulsar os proceso de rehabilitación e reforma do parque de vivendas. "Tanto a administración central como a autonómica estaban de acordo nos anos 2008 e 2009 en impulsar estes procesos de rehabilitación e a Lei de vivenda de Galiza plantea os procesos de rehabilitación como o elemento central da política de vivenda", explicou.

O concelleiro de Patrimonio Histórico indicou que o decreto aprobado pola Xunta o 1 de xullo "reduce en dous tercios as cantidades que abonara a administración nos procesos de rehabilitación". Así, no novo decreto, as cantidades pasan de 30.000 euros para as rehabilitacións estruturais a 8.600 euros, e nas obras de renovación de 20.000 a 6.600 euros.

"Se isto é grave, máis o é aínda para Vigo, que os adiantos non se van poder abordar", alertou o edil nacionalista. Neste sentido, explicou que a Oficina de Rehabilitación do Concello de Vigo xestiona axudas que ascenden a 516.000 euros, mentres que co novo decreto só se poderán conceder arredor de 207.000 euros.

Para Eudosio Álvarez, este recorte supón un grave prexuízo para os solicitantes, en tanto que afecta a 35 actuacións que se están levando a cabo no casco vello do centro da cidade e no barrio histórico de Bouzas, "nas que as persoas implicadas xa realizaron investimentos e teñen préstamos solicitados".

Ao respecto, o concelleiro do BNG, por unha banda, puxo en valor o traballo que está desenvolvendo a Oficina de Rehabilitación municipal, xa que está buscando solucións a cada un dos casos particulares. Por outro lado, Eudosio Álvarez instou ao goberno galego a "reconsiderar a súa decisión e aboar os pagos comprometidos".

"Foi un esforzo moi grande convencer á cidadanía da importancia da rehabilitación das vivendas e cando os cidadáns e cidadás xa están convencidos, a administración galega se desdice", criticou Eudosio Álvarez. O edil fixo un chamamento á Xunta "ao diálogo construtivo e facer un esforzo entre todos para que non se produza un colapso no proceso rehabilitador dos cascos históricos".

O concelleiro de Patrimonio Histórico avanzou que, en calquera caso, dende a administración local "imos manter noso nivel de apoio e axudas" e comentou que xa enviara unha carta dirixida ao conselleiro de Medio Ambiente e Política Territorial "sobre as consecuencias deste decreto".

"Para nós esta é unha liña estratéxica e non imos variala", subliñou o concelleiro nacionalista, polo que asegurou que dende o goberno local "faremos todo o posible para que esto cambie e non imos deixar á xente colgada". Eudosio Álvarez criticou, asemade, que a Xunta diga que o goberno central vai a baixar as achegas o vindeiro ano e aproveite os meses de verán deste ano "para tomar esta decisión".

Finalmente, o concelleiro de Patrimonio Histórico destacou a importancia da rehabilitación de vivendas no eido da creación de emprego, nunha época de crise como a actual. Ao respecto apuntou que cada vivenda en proceso de rehabilitación xenera cinco postos de traballo ao longo de un ano.
Descargar todas as imaxes