Escoitar

O Goberno Local aprobou o convenio da nova Depuradora, que será asinado o vindeiro luns

A Xunta de Goberno Local celebrada este venres deu luz verde ao convenio da nova depuradora de Vigo, un texto que será rubricado o luns por parte do alcalde, a ministra de Medioambiente e a Consellería de Medioambiente. Abel Caballero cualificou a aprobación de "magnífica nova" e concluíu que, despois de largas negociacións, "as cousas remataron ben para esta cidade".

venres, 30 xul 2010
1280492001IMG_0170.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, deu conta este venres da aprobación en Xunta de Goberno Local do convenio de construcción da nova depuradora de Vigo, unha "magnífica nova" que fará posible que o luns se asine o texto entre o Concello, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Medioambiente.

O alcalde avanzou que a ministra de Medioambiente, a galega Elena Espinosa, estará presente en Vigo o luns para rubricar co alcalde e a Consellería de Medioambiente o texto que permitirá a construcción da nova Estación Depuradora de Augas Residuas do Lagares.

Caballero recordou que o Concello de Vigo, unha vez rubricado o acordo entre as tres administracións, abonará o custo das expropiacións de terreos, valorados nuns 10 millóns de euros, namentres a Xunta de Galicia e o Ministerio de Medioambiente pagarán o importe total da infraestrutura, que supera amplamente os 200 millóns de euros.

O Concello de Vigo terá a propiedade da planta cando remate a súa construcción e deducirá o IVE mediante a recepción a cargo dunha entidade mercantil, aínda por definir. O alcalde cifrou en 37 millóns de euros o aforro da cidade empregando esta opción legal.

O alcalde amosou a súa satisfacción polo acordo acadado, "satisfactorio para todos", e expresou que "as cousas remataron ben para esta cidade" despois de largas negociacións entre as administracións públicas.
Descargar todas as imaxes