Escoitar

Landriña conta coa colaboración de Kiki e Bubba nunha xornada adicada a abstracción nos "Domingos de Museo"

O Museo da Cidade Quiñones de León continúa cos seus "Domingos de Museo" , onde se poderá seguir gozando da visita dinamizada para nenos/as e familias e das visitas guiadas para público en xeral. Este domingo Landriña, a mascota do museo, propón aos participantes descubrir a abstracción a partir de dúas simpáticas amigas chamadas Kiki e Bubba

venres, 30 xul 2010
A través dos cadros da colección de arte galega descubrirán aos visitantes que é iso que chamamos abstracción e que é o que queren transmitir os artistas con ela. Despois a mascota proporá un divertido xogo en salas no que experimentarase a través de formas e cores a idea da abstracción creando improvisadas esculturas.

As 11.30 horas e cunha duración dunha hora, Landriña, é a encargada de presentar cada domingo un itinerario temático polo museo ou o xardín histórico que inclúe xogos e actividades. Os familiares que acompañan ás e aos menores poden participar desta actividade ou deixalos ao coidado do persoal educador. Estas actividades son totalmente gratuítas. O número máximo de participantes é de 15 nenos e nenas cun máximo de dous acompañantes.

Tamén se pode participar na visita xeral ao pazo, na que se trata de presentar de xeito ameno a historia do Pazo Quiñones de León. Neste percorrido descubrense algunhas curiosidades do pazo e das coleccións. Como complemento a esta visita súbese ás torres dende as que se goza dunha privilexiada visión dos xardíns que vai acompañada cunha breve explicación.