Escoitar

Xabier Alonso felicita á windsurfista Lara Lagoa pola súa clasificación para os Xogos Olímpicos da Mocidade, en Singapur

O concelleiro de Deportes de Vigo, Xabier Alonso, recibiu hoxe no seu despacho á windsurfista viguesa Lara Lagoa, que se acaba de clasificase para a primeira edición dos Xogos Olímpicos da Mocidade, en Singapur no vindeiro mes de agosto. A proeza da deportista, bolseira pola Fundación VIDE en 2009 e que compite co Náutico de Cangas, xestouse no Campionato de Europa da clase techno, en Cádiz, do 29 de decembro ao 5 de xaneiro pasados. "Non pensaba clasificarme nin de broma porque ían só catro países representando a Europa", confesoulle ao concelleiro nacionalista. Pero rematou sexta e, como por diante había catro de dous países, España obtivo o cuarto lugar que daba billete para os Xogos.

venres, 15 xan 2010
1263565246recepcion.jpg
Xabier Alonso, que se interesou polo desenvolvemento da competición e polos seguintes obxectivos de Lagoa, felicitouna pola súa traxectoria nos últimos anos e entregoulle un libro sobre a cidade como obsequio da Concellería. Tamén dixo sentirse "moi satisfeito" con Lara porque "estás levando o nome de Vigo por todo o mundo".

Lagoa (Vigo, 1994), que na recepción estivo acompañada polo seu pai, cursa estudos no instituto Santo Tomé e tamén estuda actualmente catro idiomas (inglés, francés, italiano e alemán), o que sorprendeu ao concelleiro, encantado co esforzo tanto deportivo como nos estudos da deportista, e invitouna de novo a presentarse á convocatoria de bolsas VIDE deste ano. Neste ano 2010 ten un ano pleno de competicións de alto nivel: unha proba de repesca para os Xogos Olímpicos da Mocidade, en Francia, "á que irei como preparación para Singapur", dixo, o Campionato de España en xuño (Baleares) e o Campionato do Mundo (finais de xullo).

Xabier Alonso rematou o ano recibindo no Nadal á xogadora viguesa de balonmán Begoña Fernández, mellor pivote do mundo, e comeza 2010 coa satisfacción de que outra deportista viguesa está na elite mundial, esta vez no windsurf.
Descargar todas as imaxes