Escoitar

O Concello apoiará o Salón do Automóbil coa instalación dun circuito de educación viaria

O alcalde, Abel Caballero, entrevistouse este venres co Comité Executivo organizador do Salón do Automóbil de Vigo, que abrirá as portas da súa décimo novena edición o vindeiro 1 de maio. Caballero mostrou o seu "orgullo" polo empeño do sector en manter a celebración anual deste Salón pese á crise e anunciou o apoio municipal ao evento coa instalación dunha zona dedicada á educación viaria.

venres, 15 xan 2010
1263560531automovil.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este venres que o Concello apoiará á celebración da décimo novena edición do Salón do Automóbil coa instalación dun circuito de educación viaria.

Así o asegurou o rexedor vigués en rolda de prensa despois dunha reunión mantida co Comité Executivo organizador do evento, conformado polas principais empresas concesionarias de automóbiles de Galicia. Abel Caballero amosou o seu "orgullo" polo empeño da automoción en manter a cita anual deste Salón pese á crise, cando Madrid deixou de celebralo e Barcelona o fai cada dous anos, segundo indicou. "Queremos ser e seguir sendo a cidade do automóbil", apuntou.

Coa instalación deste espazo para educación viaria, o Concello de Vigo, ademais de apoiar a constitución dun evento "interactivo", procura que "se respire a cultura do automóbil e da educación viaria" entre a cidadanía, asegurou Caballero, de cara a transmitir os conceptos dunha "conducción responsable".

O Salón do Automóbil celebrarase como cada ano no recinto feiral do IFEVI, este 2010 do 1 ao 9 de maio; e acollerá por cuarto ano consecutivo a celebración do RacingShow, un evento deportivo que contará cos mellores pilotos galegos e con figuras de recoñecido prestixio internacional do automobilismo. Tamén terá cabida o Salón do Vehículo Usado e de Ocasión, que se celebrará en paralelo ao evento.
Descargar todas as imaxes