Escoitar

Xesus López di que o Festival Sin Sal, que volve o 3 de novembro, é un dos pratos fortes do programa musical vigués

O concelleiro de Cultura, Xesus López, salientou este mércores que o Festival Sin Sal é un dos "pratos fortes da programación musical da cidade". A nova edición do Festival, que ten por obxectivo acoller propostas novidosas de moi diferentes campos da música contemporánea, abrirase o vindeiro 3 de novembro coa actuación do grupo Kings of Convenience.

mércores, 21 out 2009
1256125171carteloutonovigo.jpg
O concelleiro de Cultura, na súa intervención, agradeceu á organización do festival o seu esforzo "por sacar adiante un produto tan digno como este". As mutacións do folk, o rock ou o pop, as novas formas da electrónica e a música clásica, centrarán a oferta. Así, os noruegos Kings of Convenience, un grupo que canta en inglés e que está acadando un gran éxito internacional, iniciarán a nova estación do Sin Sal no Centro Cultural Caixanova o martes 3 de novembro ás 21 horas, xunto a cantautora chilena Javiera Mena. Os prezos desta actuación serán 10, 12 e 15 euros.

O seguinte concerto será o 4 de novembro no Museo Marco ás 20:30 horas, e correrá a cargo de Bedroom Community. Trátase dun grupo formado por catro músicos, dous estadounidenses, un islandés e un australiano que ten como consecuencia unha polifonía de voces unidas por algo máis que a filiación comercial, abrindo camiños para a música. O prezo é de 10 euros.

O 19 de novembro terá lugar a seguinte actuación do Sin Sal Outono co concerto de Tender Forever e Emilio José. Será no Museo Marco ás 20.30 horas, a un prezo de 10 euros. Baixo o nome Tender Forever agóchase Melanie Valera, unha rapaza francesa afincada en Portland que reivindica a sinxeleza tras a sorpresa dos seus dous primeiros discos. Pola súa banda, Emilio José, tras sorprender á prensa especializada dende Apeiron e o seu Todo sigue intacto, lánzase en solitario co disco más heterodoxo e radical do ano en estado español.

A actuación o 30 de novembro no Marco ás 20.30 horas do grupo finés Circle é o seguinte concerto programado. Circle é unha banda capaz de mesturar riffs propios do heavy metal cunha actitude e unhas propostas máis propias do post-rock, o que lles valeu a etiqueta de heavy alternativo. O prezo da entrada é de 8 euros.

Finalmente, a convocatoria de outono do festival rematará coa actuación de The Dodos o 17 de decembro no Marco ás 20.30 horas. Trátase dunha banda californiana chaman ao seu estilo Psych Folk, e non é de estranar, xa que baixo composicións de corte clásica agóchase unha sección rítmica a cargo de Logan Kroeber, toda unha eminencia en canto a percusión africana se refire.
1256125171carteloutonovigo.jpg
1256129677sinsaloutono.jpg
Descargar todas as imaxes

Máis información