Escoitar

A Xunta de Goberno Local aproba a adquisición dos inmobles para a ubicación da pinacoteca municipal

A Xunta de Goberno Local celebrada este mércores aprobou a adquisición dos tres inmobles da rúa Abeleira Menéndez nos que se ubicará a nova pinacoteca municipal. Segundo explicou o tenente de alcalde, trátase dos números 8, 10 e 12 da rúa Abeleira Menéndez e o custo da adquisición é de preto de 2 millóns de euros.

mércores, 21 out 2009
"Coa creación dun novo centro expositivo será posible amosar os fondos pictóricos do Museo Quiñones de León e poñer en valor toda a súa obra pictórica", salientou Santi Domínguez, respecto a aduisición dos edificios da rúa Abeleira Menéndez.

Asemade, a Xunta de Goberno Local aprobou a adquisición doutro inmoble, situado no número 18 da rúa Alta esquina con Eduardo Chao, por valor de 1 millón de euros, que se destinará a outras dotacións culturais que terán por obxectivo estimular a actividade do barrio.

Segundo o tenente de alcalde, con estas dúas adquisicións non se trata só de "adquirir edificios para adaptalos aos novos usos, senón que o noso obxectivo é asemade mellorar espazos moi degradados que contribúan á recuperación integral do Casco Vello".