Escoitar

O pleno aproba o regulamento do Servizo de Axuda no Fogar, que realiza xa máis de 82.000 horas de atención

O pleno do Concello de Vigo aprobou hoxe por unanimidade o regulamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), modificación precisa para adaptar este servizo ás esixencias da nova Lei de Dependencia. A concelleira de Benestar Social, María Méndez, explicou na súa intervención a aposta que desde o Goberno municipal se está a realizar por este servizo, xa que é unha peza fundamental para mellorar a calidade de vida das persoas que teñen déficit de autonomía persoal ou algún tipo de discapacidade.<br />

luns, 28 set 2009
María Méndez explicou que o servizo ten incrementado substancialmente o número de persoas atendidas nestes dous últimos anos. Sinalou que a 30 de agosto se prestaba o servizo a 560 usuarios e usuarias, cun total de 82.126 horas realizadas ata o 30 de agosto. A nacionalista salientou que casi se ten duplicado o número de horas prestadas en relación ao mesmo mes do ano pasado.

A concelleira de Benestar Social indicou que este incremento é "grazas ao esforzo económico que fixo este Goberno neste servizo". Así afirmou que cando asumiu a Concellería de Benestar Social o orzamento destinado ao SAF era de 1,2 millóns de euros e na actualidade practicamente chega aos 2 millóns de euros.

A este respecto sinalou que o seu obxectivo é continuar incrementando a partida, aínda que está agardando coñecer que aportación está disposta a facer a Xunta a este servizo, xa que unha parte do orzamento chega da administración autonómica. No mesmo senso, lamentou que desde a Xunta se teña paralizada o envío de persoas que poden gozar deste servizo a través do Plan Individual de Atención (PIA), ao que teñen dereito as persoas incluídas na Lei de Dependencia. A concelleira dixo que nestes momento o Concello de Vigo presta atención a 80 persoas que teñen Lei de Dependencia e que o obxectivo é chegar a finais de ano á 125 ou 150. Sen embargo, precisou que este incremento está pendente de que a Xunta envíe novos usuarios. "Estase retrasando e é unha prestación que o Concello de Vigo xa pode ofrecer", afirmou.

María Méndez indicou que o criterio o seu departamento é ampliar ao maior número de usuarios e usuarias a prestación deste servizo. Tendo en conta este punto de partida, só unha vez que se teñan cubertas as necesidades básicas do servizo, abordarse a incorporación de novas actividades. O SAF presta atención de carácter persoal nas actividades da vida cotiá, así como acompañamento na realización de xestións, visitas médicas ou similares.