Escoitar

Avance da programación setembro-decembro do MARCO

Un avance das actividades que terán lugar no MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, nos vindeiros meses: exposicións temporais, programa educativo, visitas, cursos e talleres, concertos e festivais, programación audiovisual, Festa 7º aniversario, actividades da Biblioteca-Centro de Documentación e da Agrupación de Amigos do MARCO, entre outros eventos.<br />

luns, 14 set 2009
1252924876MARCO1.JPG
Exposicións temporais
No capítulo de exposicións temporais, o mes de outubro vén cargado de actividade, coa inauguración de tres exposicións que renovarán por completo a oferta en todos os espazos do edificio. A partir do 2 de outubro, nas salas da primeira planta, a mostra colectiva ‘MIRRORS/ESPELLOS’, comisariada polo italiano Gyonata Bonvicini, reúne obras experimentais de 11 artistas en torno a ideas como a repetición, o reflexo das imaxes, e a reapropiación. A posta en marcha desta exposición, que corresponde ao proxecto seleccionado na 2ª convocatoria do Premio para Novos Comisarios, ten lugar cando aínda permanece aberta a nova convocatoria deste Premio, que nesta edición está convocado conxuntamente por MARCO e FRAC Lorraine, Francia. A continuación, o 16 de outubro inaugúrase a grande individual de JORGE BARBI (A Guarda, Pontevedra), destinada a todas as salas da planta baixa, e que en 2010 viaxará á Fundação Calouste Gulbenkian de Lisboa, que coproduce esta mostra, comisariada por Juan de Nieves. A exposición baséase na idea do percorrido, do paseo, e da observación cotiá da natureza e as súas mutacións, como un extenso arquivo que o artista foi construíndo ao longo do tempo, asumindo unha dobre función, de científico e poeta. O argumento constrúese a partir de varias series de fotografías realizadas nos últimos anos, xunto cunha coidada selección de pezas anteriores, intentando establecer novas lecturas se o seu traballo no que será a primeira grande exposición individual deste artista. E para completar a programación de outono, na última semana de outubro inaugúrase no Espazo Anexo o cuarto proxecto de ‘PUNTOS DE ENCONTRO’, a serie comisariada por Agar Ledo na que cinco artistas establecen un diálogo entre o espazo de exhibición e o seu ámbito máis inmediato —a cidade de Vigo—, nesta ocasión con NICOLÁS COMBARRO (A Coruña, 1979).

Programa educativo
O programa educativo do MARCO retoma neste outono o seu ritmo habitual, coas visitas e talleres para escolares —que nestes meses discorren en paralelo á exposición de Jorge Barbi—, os talleres para familias de fin de semana, e a nova edición dos cursos de adultos 2009-2010, ademais doutras iniciativas novidosas como a experiencia de actividades para adultos en torno á exposición de Carlos Bunga no Espazo Anexo, especialmente dirixida a grupos e asociacións, durante as tres últimas semanas de apertura desta mostra.

Concertos e festivais
A finais de outubro comeza no MARCO a tempada de concertos e festivais, dende as colaboracións co Festival Sinsal ata un concerto monográfico con obras de Karlheinz Stockhausen, incluído na programación do Festival Are More, pasando pola nova creatividade dixital a través do Festival ArtFutura, que neste ano 2009 ofrece unha programación especial con motivo da súa vixésima edición. Outro evento fundamental neste outono será a celebración do 7º Aniversario do MARCO, que un ano máis presentará un completo programa de actividades ao longo da fin de semana do 13, 14 e 15 de novembro.

Biblioteca
Pola súa banda, a Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO continuará ofrecendo todos os seus servizos no horario habitual, con novas posibilidades on-line a través da web www.marcovigo.com, ademais de mostras bibliográficas relacionadas coas exposicións temporais, e actividades específicas con motivo da Festa Aniversario ou outros eventos. A Agrupación de Amigos ten tamén preparada a súa programación para este outono, con visitas guiadas ás exposicións, a continuación da serie 'MARCO Extramuros', o ciclo ‘ Coñeces a túa cidade, coñeces o teu contorno?’ e outras actividades dirixidas aos membros da Agrupación.

O restaurante-cafetería do MARCO, cunha oferta renovada da man do cociñeiro Alfonso Botas, e a tenda-librería Plaxio, no vestíbulo do museo, completarán este outono o conxunto de servizos do MARCO a todos os seus visitantes.
Descargar todas as imaxes