Escoitar

Santi Domínguez destaca que a exposición de tapices "Fiando o Vigo Vello" reflicten os avances do barrio

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, salientou este xoves que as obras que integran a exposición de arte téxtil "Fiando o Vigo Vello", nas que se poden ver diversos rincóns do barrio, reflicten as melloras que se están levando a cabo no Casco Vello. Na presentación da mostra, que se inaugura mañá no Centro Comercial A Laxe, tamén participaron as creadoras e integrantes da asociación Patchwork Vigo, Mar Fernández e Auri Costas.

xoves, 28 mai 2009
1243514380expo.JPG
"Sabemos que queda moito por facer no Casco Vello, pero estamos facendo un esforzo importante que xa se está vendo nos últimos anos co obxectivo de que este barrio histórico se mova", sinalou o tenente de alcalde. Nesta liña indicou que se enmarca a iniciativa de facer unha exposición integrada por obras de árte téxtil que mostre diversos zonas do Casco Vello e realizada por artistas de todo o Estado. "Temos que traer ao Casco Vello a arte e o traballo, para acadar que a xente chegue a querer o barrio como o queren as organizadoras desta iniciativa", salientou.

Na súa intervención, Santi Domínguez recoñeceu que as obras que se están desenvolvendo no Casco Vello son "ruidosas" e "requiren paciencia", pero amosou o seu convencemento de que "en dous anos imos ver un Casco Vello diferente". Asemade, sinalou que é preciso decirlle aos viguesas e viguesas "que se pode vivir no Casco Vello coma se fora unha pequena aldea e disfrutando do valor e da cercanía da xente". Neste sentido, a creadora textil Mar Fernández salientou que o Casco Vello "é un lugar maravilloso para vivir", polo que coa organización da exposición quixo que toda a cidadanía de Vigo "vise a arte que hai no barrio histórico da cidade".

A integrante de Patchwork Vigo agradeu a todas as mulleres "que participaron na elaboración dos tapices", á xerente do Centro Comercial A Laxe "por facilitar o espazo onde colocar as obras" e ao tenente de alcalde de Vigo "polo seu esforzo por levantar o Casco Vello". Neste sentido indicou que todos os vigueses e viguesas poden involucrarse na revitalización do barrio, recuperándoo como espazo de paseo e lecer. "Despois de moitos anos da gusto escoitar a unha muller falar así do Casco Vello", asegurou o tenente de alcalde ao respecto.

"Fiando o Vigo Vello" inaugúrase mañá ás 19.30 horas no Centro Comercial A Laxe, onde se poderá visitar ata o 13 de xuño. Ademais de exposición, a iniciativa é tamén un concurso no que o xurado e o público escollerán as mellores obras da mostra. Os premios do concurso entregaranse o vindeiro 6 de xuño.
Descargar todas as imaxes