Escoitar

Colectivos sociais apoian a apertura do albergue no edificio da Escola de Hostelería

Abel Caballero ofertou o edificio á Xunta de Galicia, quen terá que dar o seu visto bo. De ser así, a Gota de Leite pasaría para uso administrativo -acollendo á Policía Local- e podería abrirse temporalmente como albergue ata que as reformas da Escola de Hostelería estean rematadas. O alcalde estimou que esta sería unha "moi boa solución".

mércores, 27 mai 2009
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, mantivo hoxe mércores un encontro con representantes do CEDRO, Sereos e IMAN, colectivos sociais que compartiron o "empeño" do rexedor na apertura do albergue na cidade, e mostraron o seu acordo en que estea ubicado no edificio da antiga Escola de Hostelería, no Berbés.

O alcalde precisou que será a Xunta de Galicia a que decida sobre a oferta do Concello de ubicar o albergue na antiga escola, a cambio da cesión da Gota de Leite para usos administrativos, que pasaría a acoller os servizos da Policía Local.

Abel Caballero remitiu a pasada semana unha carta á Xunta ofertando esta posibilidade e instando ao organismo autonómico a que elabore un informe técnico que avalie as posibilidades do edificio como sede do albergue. De aceptaren o inmoble, o alcalde mostrouse aberto a que a Gota de Leite acolla aos sin teito de xeito provisional e ata que a Xunta de Galicia teña reformado e habilitado o edificio do Berbés para albergue.

O alcalde e os colectivos sociais consideraron, segundo indicou o rexedor, que a antiga Escola de Hostelería é unha ubicación "moi considerable" tanto pola súa localización como pola capacidade e estado actual do mesmo. Abrir a Gota de Leite mentres se habilita o edficio do Berbés sería unha "moi boa solución", salientou Abel Caballero.

O edificio da antiga Escola de Hostelería podería dar cabida a unhas 100 persoas, estimou o alcalde, distribuidas en estancias indivudais ou dobles, coa "dignidade" que precisan os usuarios.