Escoitar

O vindeiro luns ábrese o prazo de inscrición do programa "Verán Xove 2009", que oferta 1.700 prazas

A concelleira de Xuventude, Iolanda Veloso, anunciou hoxe que o vindeiro luns ábrese o prazo de inscrición para o programa "Verán Xove 2009", que este ano oferta un total de 1.700 prazas para rapaces e rapazas de 4 a 15 anos. A edil subliñou que esta proposta volve a incrementar o número de prazas, debido a que se trata dun programa "moi agardado e demandado por nais e pais porque é unha alternativa de lecer para o verán".

mércores, 27 mai 2009
1243426939P5270044.JPG
Iolanda Veloso sinalou que o interese que desperta esta proposta tanto por parte dos mozos e mozas, como polas nais e pais é porque "ademais de oferta de lecer favorece a conciliación da vida laboral e familiar". Segundo dixo, nesta época do ano, no que chegan as vacacións escolares, faise necesario o apoio dende as administración.

Ás 1.700 prazas do "Verán Xove 2009" hai que engadir tamén as prazas para os rapaces e rapazas que poden participar nas actividades de Súbete ao Castro e os Castroconcertos, dirixidas a mozos e mozas de máis de 14 anos. As actividades programadas desenvolveranse nos meses de xuño, xullo e agosto e engloban as propostas das ludotecas e os campamentos. En canto aos campamentos urbanos, Iolanda Veloso sinalou que terán lugar en catro zonas da cidade, como son Samil, Bouzas, As Travesas e Lavadores e se celebrarán en quendas de quince días. O seu horario será de 9 a 14 horas pero con aula matinal de 8 a 9 horas e de recollida dos nenos de 14 a 15 horas, agás o de Lavadores, co obxectivo de "facilitar a coincidencia co horario de traballo das nais e pais".

"Aínda que nos centramos nas iniciativas que se desenvolven en Vigo, tamén queremos ofrecer actividades fóra da cidade", indicou a edil do BNG. Así, sinalou que este ano terá lugar un campamento náutico no concello lugués de Taboada cunha quenda en xullo e outra en agosto. "Tratamos de que cada ano sexa máis completa a programación", sinalou. Desta forma, segundo explicou Iolanda Veloso "as actividades da Concellería de Xuventude compleméntanse coas iniciativas deportivas organizadas pola Fundación Vide ou coas propostas da Casa das Palabras".

A concelleira de Xuventude indicou que o prazo de inscrición será do 1 ao 10 de xuño na Casa da Xuventude no caso das actividades organizadas por esta concellería, "aínda que a experiencia demostra que nos primeiros días xa están todas as prazas cubertas". O horario para facer a inscrición é de 10 a 13.30 horas de luns a venres e de 17 a 19.30 de luns a xoves e é preciso presentar a ficha de inscrición, a fotocopia do DNI do rapaz ou rapaza (no caso de telo), e do nai ou pai, ou titor ou titora, unha foto tamaño carné e a fotocopia da tarxeta sanitaria.

A programación completa do Verán Xove 2009 e os requerimentos para facer a inscrición poden consultarse tamén na web da Concellería de Xuventude www.xuventudevigo.org.
Descargar todas as imaxes

Máis información