Escoitar

"Vigo a escena" volve aos barrios de Vigo con dúas estreas no programa do primeiro semestre do 2009

O concelleiro de Cultura, Xesus López, anunciou este martes que a programación de "Vigo a escena" para o primeiro semestre do 2009 inclúe dúas novidades, como son a estrea de dúas novas obras de teatro e un novo espazo onde levar as representacións, como é Bouzas. Na presentación do programa, na que tamén participou o seu director Xerome Calero, o concelleiro salientou que un dos obxectivos da Concellería de Cultura é a "descentralización da actividade cultural e conseguir que esta chegue a todos os vigueses e viguesas".

martes, 14 abr 2009
1239713823vigoaescena.jpg
"Seguimos apostando por potenciar o Vigo a Escena, que xa está demostrado que ten sido un acerto elaborar un programa como este", subliñou o concelleiro de Cultura. Neste sentido, salientou que esta programación persegue, ademais de descentralizar e democratizar a actividade cultural, "ter unha plataforma que permita aos grupos de teatro da cidade chegar a toda a cidadanía". Xesus López explicou que nesta edición participarán trece compañías viguesas "ás que se lle garanten tres actuacións por semestre".

O concelleiro de Cultura felicitou ao director do programa, Xerome Calero, polo seu traballo, quen salientou que "Vigo a escena" é o "primeiro circuito de teatro que funciona non so en Galicia, senón tamén no resto do Estado". Calero explicou que a programación, que comezará xa o vindeiro sábado 18 de abril e é de asistencia libre e gratuíta, está integrada por oito representacións dirixidas a un público adulto e cinco a público familiar e infantil.

Precisamente Bouzas, Cabral e Navia son as tres parroquias de Vigo nas que comeza esta nova edición do "Vigo a escena". O sábado, 18 de abril terán lugar dúas actuación, unha na AVVCD Santa Mariña de Cabral, na que Artello Teatro interpretará ás 18 horas a obra "Polgarilño e CIA", e outra no auditorio do ESAD ás 20 horas, no que a compañía Fulano, Mengano e Citano representará a obra "Arte". Xa o domingo, Títeres en Acción representará "Trastos vellos" na AVV Emilio Crespo de San Paio de Navia ás 19 horas.

Preguntado polos xornalistas sobre a marcha das obras no Auditorio Municipal, xa que en edicións pasadas as actuacións se repartían entre esta instalación cultural e as dependencias dos barrios e parroquias da cidade, o concelleiro de Cultura sinalou que "están avanzando e van en prazo". Manifestou que no fin deste ano 2009 "esperamos contar con el".
Descargar todas as imaxes