Escoitar

O alcalde encarga aos sindicatos o cumplimento das condicións laborais en todas as obras do Concello

Abel Caballero asinou este martes o convenio polo que CC.OO., UGT e CIG vixiarán o cumprimento das condicións laborais e de seguridade nas obras financiadas co "Plan Zapatero", un acordo que hoxe entra en vigor e que será ampliado a todas as obras públicas con financiación municipal, segundo avanzou o rexedor.

martes, 14 abr 2009
1239712826sindicatos.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, rubricou este martes coas tres principais centrais sindicais -CC.OO., UGT e CIG- o convenio polo que estas garantirán o cumprimento das condicións laborais e de seguridade dos traballadores das obras executadas con cargo ao "Plan Zapatero", o Fondo Estatal de Inversión Local, e anunciou que se ampliará a todas as obras municipais.

O rexedor adiantou en declaracións aos medios que o concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Santos Héctor, e os propios sindicatos están a elaborar un novo convenio para que estes vixíen tamén as condicións das obras realizadas co orzamento municipal. Abel Caballero indicou asemade que levará esta iniciativa á Federación Española de Municipios e Provincias, para que se poida realizar en outras cidades españolas.

Técnicos superiores en prevención de riscos laborais vixiarán desde hoxe o cumprimento do convenio laboral da construcción, os horarios e as condicións de seguridade e saúde, así como que todos os contratados para as obras do Plan E procedan do INEM de Vigo.

Segundo o acordo, cada central percibirá 26.462,88 euros para contratar a un técnico superior de Prevención en Riscos Laborais encargado da supervisión, e os sindicatos ademais poñen a súa estrutura para a vixilancia das condicións de traballo dos empregados.

Constituirase unha comisión de seguemento das obras co obxectivo de vixiar para que se cumpran as condicións de traballo conveniadas e as impostas polo propio Goberno de España nas bases do Plan. A comisión estará composta por un representante político do goberno local, membros dos tres sindicatos e técnicos de Traballo.

O "Plan Zapatero" procura o estímulo da economía e do emprego a través dos municipios, e en Vigo deixa 52,2 millóns de euros, que o goberno local destina principalmente á humanización de distintas rúas na cidade. Os traballos empregarán a unhas 1.400 persoas de xeito directo e a preto de 5.000 en total.
Descargar todas as imaxes