Escoitar

Xuventude convoca "Acerta coa ilustración" para celebrar o Día Internacional da Información Xuvenil

A Concellería de Xuventude propón a actividade "Acerta coa ilustración" co gallo da celebración do Día Internacional da Información Xuvenil, o vindeiro 17 de abril. O obxectivo da iniciativa, dirixida a mozos e mozas de 15 a 30 anos de idade, consiste en dar a coñecer á mocidade as propostas que ofrece a Concellería de Xuventude mediante a resposta á pregunta "A que edificio pertence e, en que rúa está a ilustración proposta?".

luns, 13 abr 2009
As persoas interesadas en participar nesta actividade poden recoller, dende o mércores 15 de abril, un detalle da ilustración a acertar na Casa da Xuventude de Vigo (López Mora, 31). Esta será a primeira pista, que terá unha cuestión a resolver, das catro que se propondrán distribuidas nos diferentes espazos da Concellería (Punto Xove, Súbete ao Castro e Casa da Xuventude).

No momento en que as persoas participantes saiban a resposta, poderán acudir de novo á Casa da Xuventude (López Mora, 31) e deberán respostar un último cuestionario de catro preguntas que versarán sobre cuestións dos servizos da Concellería de Xuventude, como horarios, persoal e servizos que se ofertan.

A primeira persoa en respostar correctamente a estas cuestións será a que reciba o premio, que consiste nun Ipod Touch. A entrega do premio realizarase o día 17 de abril pola mañá na Casa da Xuventude. En caso de non existir quen acerte a pregunta clave ou as preguntas obrigadas do cuestionario, o premio poderá quedar deserto.

As persoas que desexen obter máis información poden dirixirse a Casa da Xuventude (rúa López Mora 31; 986 294 806), no Punto Xove (rúa López de Neira 27, baixo. 986 22 30) ou na web www.xuventudevigo.org

Os servizos de información xuvenil son protagonistas dentro dos espazos da Concellería de Xuventude e veñen funcionando dende hai máis de dez anos ofrecendo á mocidade asesoramento e orientación sobre calquera tema que sexa do seu interese.