Escoitar

A Casa da Xuventude inicia o vindeiro luns unha nova rolda de exposicións de artistas mozos

Dende o vindeiro luns, 13 de abril, a Casa da Xuventude acollerá unha nova rolda de exposicións protagonizadas por mozos e mozas artistas e que poden visitarse nas instalacións de López Mora de luns a venres en horario de 09 a 14 horas e de 17 a 20 horas. "Tempo imaxinario", das artistas licenciadas en Belas Artes pola Universidade de Vigo Haya Blanco, Carolina Caluori, María Castellanos e Olalla Cortizas, será a primeira que se exporá, do 13 ata o 24 de abril.

mércores, 8 abr 2009
1239195324maria.jpg
"Tempo imaxinario", de carácter autobiográfico e intimista, está integrada por pezas de gravado, debuxo e escultura. A diversidade de técnicas se xuntan nunha visión introspectiva desde a vivencia persoal de cada artista, marcada por unha estética común, sensible e reflexiva. Leva ao espectador ao inventario persoal de cada artista materializado a través de diferentes técnicas e autorretratándose en cada peza.

O programa da Sala de Exposicións da Casa da Xuventude continúa coa mostra de fotografía "Natureza deportiva", de Pablo Iglesias Pereira, que se poderá ver do 27 de abril ata o 8 de maio. A seguinte exposición tamén será fotográfica, titulada "Outono no Courel" e realizada por Jairo Mera Lorenzo, poderase visitar do 11 ata o 22 de maio. Do 25 de maio ata o 5 de xuño exporanse os traballos realizados por diversos rapaces durante o curso 2008/2009, baixo o título "Exprésate coas Cores e Manualidades".

Do 8 ata o 19 de xuño a Casa da Xuventude acollerá a mostra de pintura e fotografía das artistas Estefanía Alonso, Lara Abeledo, Tamara Conde e Lidia Costa, baixo o título "Catro historias". Do 22 de xuño ata o 3 de xullo está prevista a exposición de pintura "Dous rombos", do artista José Miranda. A seguinte mostra, de IND, titúlase "Maquila boutique" inclúe paneis, fotografía e ilustracións e poderá visitarse do 6 ata o 17 de xullo. Finalmente, a mostra de manualidades titulada "Recicla e reutiliza, axuda á natureza e a ti mesmo", da artista Rosa González, permanecerá na Casa da Xuventude do 20 ata o 31 de xullo e pechará esta rolda de exposicións.
Descargar todas as imaxes