Escoitar

Santi Domínguez asegura que o Mundial de Hóckey é un proxecto de cidade que deixará un gran retorno económico

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, subliñou hoxe que o Campionato do Mundo de hóckey a patíns é "un proxecto de cidade" e que reportará a Vigo un retorno económico "moi importante", ao asegurar un mínimo de "1.200 persoas só entre participantes, organización e medios de comunicación", pero sen contar aos familiares e compañeiros que acompañan aos deportistas. Por iso pediu "que Vigo se implique no evento" para conseguir que sexa "o mellor Mundial da historia".

martes, 7 abr 2009
1239108241hockey.jpg
Segundo estudos aos que fixo referencia, o gasto medio diario dun visitante é de 60 euros, "sen contar o aloxamento", o que dá unha visión da relevancia dunha actividade deportiva da dimensión desta. De feito, colocou o Mundial á altura da Copa do Mundo de hípica, a Volta a España de ciclismo, a Volvo Ocean Race de vela ou a World Fishing Exhibition.

O nacionalista destacou que o 39 Campionato do Mundo, en Vigo e Pontevedra do 4 ao 11 de xullo, chega nun momento idóneo, pois "non é na tempada forte de verán; a tempada alta en Vigo vai de mediados de xullo a agosto, co que o sector hostaleiro tamén se beneficiará cunha máxima ocupación" nas semanas anteriores. O tenente de alcalde incidiu en que o futuro da oferta turística segue sendo "desestacionala" e esta é unha proba diso. En canto conclúa a Semana Santa, Santi Domínguez, ten previsto reunirse co pequeno e mediano comercio, ademais de co sector hostaleiro, "para preparar ofertas específicas para o Mundial, especialmente no norte de Portugal", dixo.

Nun encontro cos medios de comunicación no Verbum-Casa das Palabras, o tenente de alcalde, que agradeceu o apoio da Xunta, do Concello de Pontevedra, Caixanova e da Fundación VIDE, entre outros, destacou que este será "o primeiro grande evento deportivo por equipos que sae dos pavillóns tradicionais da cidade para irse ao Ifevi", onde se pretende dar unha oferta global de deporte e lecer (xogos, tendas, restauración…). E lembrou que con esta proba "estrearemos as novas bancadas que adquiriu o Ifevi", un complexo feiral que xa deu mostras das súas capacidades con concertos musicais, a Copa do Mundo de Hípica, o Enduro ou os campionatos de España de balonmán e voleibol de categorías base. O Ifevi terá capacidade para 4.500 siareiros (3.500 haberá en Pontevedra) e posibilidades de subir 2.000 prazas más "en 10 horas de montaxe" para una hipotética final España-Portugal.

Santi Domínguez fixo fincapé nos acordos televisivos que se están a negociar con Mediapro, que producirá o Mundial (produce a Liga de Campións e máis de 2.000 eventos ao ano), "para que o campionato chegue por vez primeira a Asia. Estamos a falar para que China e Xapón televisen o Mundial, o que supón unha promoción histórica de Vigo e o hóckey a patíns". Soamente a audiencia chinesa representa un 20% do mercado mundial das televisións.

Ademais, o tenente de alcalde explicou que un evento de elite ten que ir sempre "unido ao deporte de base", e por iso paralelo ao Campionato do Mundo se organizou un torneo de base para alevín (mixto), infantís e féminas. Serán uns 300 nenos e nenas en Vigo durante unha semana, aos que se sumarán 130 rapaces que traerá a Federación Española para unha concentración de tecnificación.

O tenente de alcalde tamén indicou que haberá un programa de voluntariado, xa en marcha na web oficial (www.mundialvigo2009.com), para captar uns 160-200 voluntarios "que sexan vendedores da nosa cidade. Vigo ten experiencia en grandes eventos e non nos asusta ningún reto", concluiu Domínguez.

Pola súa banda, Xabier Alonso, concelleiro de Deportes, recordou que durante unha semana "Vigo vai ser o referente de Portugal e epicentro do hóckey dende A Coruña ao sur de de Portugal", e asegurou que a chegada de afeccionados portugueses para seguir o torneo será "enorme", dada a paixón por este deporte no país veciño.

Enrique Urdiales, presidente do comité executivo do Mundial, subliñou a importancia que ten que as categorías base chegarán acompañadas polos seus pais, o que dará "un pulo máis ao sector hostaleiro". Urdiales asegurou que o torneo de base está formulado tamén "como unha convivencia para os nenos e nenas", que poderán coñecer a cidade. O tamén directivo do Vigo Stick está convencido de que será "o mellor Mundial da historia". Urdiales afirmou que moitas seleccións chegarán quince días antes do torneo e disputarán entre si algúns amigables.

Xavier Moyano, xerente da Federación Española de Patinaxe, anunciou que España se concentrará quince días en Vigo para adaptarse ao Ifevi, logo regresará ao CAR de Sant Cugat, e retornará a Vigo, onde xogará todo o campionato, catro ou cinco días antes do comezo do Mundial.
Descargar todas as imaxes