Escoitar

O alcalde estima que o 10 de maio poderá aplicarse en Loriga a ordenanza contra o botellón

Hoxe mércores o Concello enviou o texto para a súa publicación en dúas semanas aproximadamente no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra. Unha vez publicado, e despois de 20 días de alegacións, a Xunta de Goberno Local iniciará a declaración de zona protexida do entorno de Joaquín Loriga para que esta "actividade nociva e molesta" remate.

mércores, 1 abr 2009
O alcalde anunciou este mércores que aproximadamente o próximo 10 de maio comezará a aplicación no entorno de Loriga da ordenanza que regula a convivencia cidadá e o ocio nocturno, a normativa contra o botellón, enviada hoxe para a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

Segundo os pasos indicados por Abel Caballero, a publicación no BOP do texto podería ter lugar en dúas semanas aproximadamente, a mediados de abril. Será entón cando a Xunta de Goberno Local aprobe a declaración do entorno de Joaquín Loriga como zona protexida. Despois de 20 días de exposición pública para alegacións, o goberno ratificará definitivamente esta declaración, o 10 de maio, e se comezará a aplicar a norma. O entorno protexido indicarase mediante sinalización vertical.

O alcalde salientou que se inicia con Joaquín Loriga pois cumpre con todos os requisitos solicitados pola ordenanza para ser declarados como zona protexida, é dicir, a utilización masiva do espazo público; ruídos intensos, residuos e contaminación visual; dificultar o libre paso da cidadanía pola afluencia de xente; danos nos bens públicos e/ou privados; e varias denuncias previas.

O rexedor avanzou que os departamentos municipais aplicarán desde o primeiro día para eliminar esta "actividade nociva e molesta" en Loriga. Outras zonas como a Praza do Berbés ou Teófilo Llorente aínda non cumpren os requisitos, pois non media denuncia previa, e Abel Caballero adiantou que, cando as condicións se cumpran, se procederá á protección do entorno.

As sancións que contempla esta normativa para os seus infratores oscilan entre os 300 e os 3.000 euros, dependendo do tipo de incumprimento. O alcalde indicou que as sancións serán efectivas desde o primeiro día.

Solicitude de reunión
O alcalde aproveitou a rolda de prensa para afirmar que hoxe mércores remitiu unha solicitude de reunión ao Presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, para abordar cuestións relativas á cidade.