Escoitar

O novo bus turístico é accesible e ten unha cuberta corredoira que permite utilizalo durante todo o ano<br />

Accesible e con maior capacidade de uso son as dúas principais novidades que presenta o autobús turístico presentado hoxe, segundo explicaron o tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, e o concelleiro de Mobilidade, Transporte e Seguridade, Xulio Alonso. Na presentación do novo vehículo, na que tamén participou o director xeral de Vitrasa, Juan Carlos Villarino, os dous concelleiros salientaron o notable incremento de turistas que empregaron este servizo no 2008, xa foi utilizado por un total de 8.060 pasaxeiros, 300 máis que no 2007.

mércores, 1 abr 2009
1238588404busturistico.jpg
Respecto ás novidades, Santi Domínguez indicou que o vehículo, de dous pisos, é totalmente accesible posto que conta cunha plataforma baixa e rampa de acceso para persoas con mobilidade reducida. Por outra banda, salientou que o incremento da súa capacidade de uso vén dada porque o autobús está dotado dunha cuberta corredoira, aire acondicionado e calefacción, o cal posibilita o seu emprego ao longo de todo o ano. En concreto, durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro, o seu horario será de 10 a 14 horas e de 16.30 a 20.30 horas e o resto do ano estará en funcionamento os días que na cidade estean programados cruceiros, congresos ou feiras, ademáis da Semana Santa. "Con este novo vehículo, as persoas que nos visitan e usan o autobús turístico poderán sentir que están nunha cidade moderna como a nosa", salientou.

O concelleiro de Mobilidade, Xulio Calviño, destacou que a súa primeira reacción como cidadán vigués é afirmar que este autobús "é o mellor das cidades europeas que coñezo". Neste sentido indicou que "está ao máximo nivel, mellorando moito o anterior". Xulio Calviño animou aos vigueses e viguesas para que tamén utilicen este servizo, "porque estou seguro de que nos seus 22 kilómetros de percorrido atoparán sorpresas", sinalou, ao tempo que asegurou que "poderán ver unha cidade como non están acostumados a ver".

"Vigo é a cidade que conta cun transporte público con maior accesibilidade de todas as cidades galegas", subliñou o director xeral de Vitrasa, Juan Carlos Villarino. Asemade, sinalou que o traxecto dura dúas horas e media e percorre os puntos máis significativos da cidade, como a Praza de Compostela, a Porta do Sol, o Paseo de Alfonso, a Praza de España, a Praza de América, Castrelos, Samil e o Museo do Mar. Neste sentido, o tenente de alcalde indicou que se están mantendo negociacións coa Autoridade Portuaria para incluir tamén unha visita ao porto. O prezo do billete é de 7,50 euros para os adultos e de 4 euros para os rapaces de 3 a 12 anos, sendo posible utilizalo ao longo de toda a xornada.

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, salientou na súa intervención que o novo autobús turístico, que xa fixo a súa primeira viaxe o pasado domingo, é froito da "colaboración e coordenación" entre as concellerías de Turismo e Mobilidade e Transporte.
Descargar todas as imaxes