Escoitar

A sexta edición do "Camiña e coñece" percorrerá o vindeiro domingo a parroquia de Valadares

O vindeiro domingo, 21 de outubro, a sexta edición do programa "Camiña e coñece" percorrerá a parroquia de Valadares, segundo anunciaron este martes o concelleiro de Cultura, Xesus López, e o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso. Os concelleiros nacionalistas subliñaron que potenciar hábitos saudabeis, como camiñar, e potenciar o coñecemento da nosa cidade son os dous fins fundamentais do "Camiña e coñece", que xa percorreu a zona do Ensanche e Casco Vello, o paseo do Lagares, a parroquia de Candeán, o litoral vigués dende Bouzas ao Museo do Mar e os lugares máis emblemáticos da cidade en relación coas letras galegas.

martes, 21 out 2008
1224593377Valadares.JPG
O concelleiro de Cultura, Xesus López, salientou que o vindeiro domingo, durante tres horas e media, se percorrerá parte da parroquia de Valadares de xeito circular, cun guía que explicará os principais aspectos da visita. Ás 10 horas sairase dende o campo de fútbol de A Gándara, para volver ás 13.30 horas ao mesmo punto de partida. Ao respecto, o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso destacou que deste xeito "facilítase que a camiñata discorra por sitios axeitados, sen transitar as estradas" e aconsellou ás persoas participantes levar roupa e calzado "cómodos e acordes co tempo".

"Tras a primeira subida, o espazo se abre e poderemos gozar cunhas impresionantes vistas", salientou Xabier Alonso, quen explicou que tras saír do campo de A Gándara enlazarase coa estrada que sobe ao monte Alba desde A Garrida e posteriormente abandoarase o asfalto para continuar por unha pista forestal que atravesa o lugar das Eiras. Pasarase polos lugares de Outeiro Redondo e Chan de Casa de Couso, en Chandebrito, onde se poderá visitar o castro e un muiño de auga, en proceso de recuperación. Xa na volta, que se realizará polo monte de O Canaval e O Cepudo, visitaráse a exposición de esculturas de Valadares e chegarase ao campo de fútbol de A Gándara.

Os dous concelleiros nacionalistas salientaron o éxito das edicións pasadas do "Camiña e coñece", que é unha oferta impulsada polas concellerías do BNG no Concello de Vigo que ten por obxectivo difundir o patrimonio cultural da cidade a través de itinerarios guiados. A participación é libre, gratuíta e aberta a persoas de todas as idades, grupos familiares, ou colectivos de calquera tipo.
Descargar todas as imaxes