Escoitar

Iolanda Veloso salienta o Programa de Voluntariado de Activación Lingüística para promover a cultura e a lingua galegas

A concelleira de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, Iolanda Veloso, presentou este martes o programa de Voluntariado de Activación Lingüística, unha iniciativa deseñada pola Mesa pola Normalización Lingüística para promover a cultura e a lingua galega e para activar a solidariedade e o intercambio cultural. O programa se desenvolverá na cidade en virtude da colaboración da Concellería de Normalización Lingüística e a Universidade de Vigo manteñen coa Mesa pola Normalización Lingüística e coa Vicepresidencia da Xunta de Galiza.

martes, 21 out 2008
1224593303valo.jpg
"Trátase de superar as dificultades de falar en galego e poder aplicalo á vida cotiá, ademais de promover en moitos casos a relación de persoas de distintas culturas", explicou a concelleira Iolanda Veloso, quen sinalou así mesmo que as persoas interesadas en participar, tanto membros da comunidade universitaria como a cidadanía en xeral, só teñen que cumprir o requisito de ser maiores de idade.

O programa estabelece dúas categorías: ou voluntarios ou activos. As persoas voluntarias deben ter un bo nivel de galego e, a través deste programa, compartirán os seus coñecementos da lingua e da cultura galega con outras persoas que o precisan. Pola súa banda, as activas son aquelas persoas que desexan coñecer máis sobre Galiza e sobre a súa lingua e cultura. En moitos casos, as activas poden ser persoas que veñen de fóra para instalarse temporal ou permanentemente no noso país (como estudantes ou traballadores e traballadoras), pero tamén pode ser calquera galego ou galega que queira afondar no coñecemento da nosa lingua. A cada voluntario ou voluntaria asignáselle un activo e ambos comprométense a relacionarse un mínimo de dez sesións dunha hora, coa premisa de falar galego ou de tentar falalo o máximo posíbel. As parellas que se conformen poderán facer o que sexa do seu interese, desde falar e xantar até ir ver unha exposición ou facer trámites administrativos.

Esta iniciativa xa se está a desenvolver en varias cidades e poboacións galegas e coa participación da Universidade de Vigo a partir deste curso, o Voluntariado de Activación Lingüística xa está presente nas tres universidades de Galiza, como medio de acollida dos estudantes dos distintos programas de intercambio. Todas as persoas e asociacións interesadas en participar nesta iniciativa poden obter información sobre a mesma na páxina web www.valingua.org (onde mesmo xa se poden inscribir), no teléfono 902 106 474 ou no correo electrónico voluntariado@amesanl.org.
Descargar todas as imaxes