Escoitar

Santi Domínguez destaca no Salón de Delicatessen o papel dos nosos produtos na promoción de Galiza

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, destacou o papel que desempeñan os produtos de calidade na promoción de Galiza no exterior. O nacionalista así o subliñou no acto de inauguración do quinto Salón de Delicatessen e Denominacións de Orixe, que tivo lugar este martes no Instituto Feiral de Vigo e no que están representadas máis de catrocentas marcas, arredor de sesenta expositores directos e unha veintena de denominacións de orixe.

martes, 21 out 2008
1224594312Delicatessen.jpg
Na súa intervención, o tenente de alcalde fixo referenza ao alto nivel do certame, ao tempo que resaltou o labor que realiza a Xunta de Galiza para defender os nosos produtos alimentarios de calidade coa máxima garantía para o consumidor. "Este salón permítenos mostrar o que somos", afirmou Santi Domínguez, quen indicou así mesmo que a feira crece ano a ano en "experiencia e profesionalidade" e permite seguir afianzando o IFEVI como recinto feiral de referenza.

Pola súa banda, Santiago Oca, director xeral de Producción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, coincidiu en destacar a aposta que se está a desenvolver desde a Consellería de Medio Rural por consolidar os produtos agroalimentarios de calidade. Nesa liña lembrou o papel da Lei de Denominacións de Orixe para garantizar ante o consumidor a máxima calidade dos nosos produtos. Adelantou que entre os proxectos que ten en marcha a Consellería está a potenciación dos produtos de artesanía alimentaria, de forma que os alimentos caseiros e artesáns galegos conten co marchamo de calidade.

A delegada provincial da Consellería de Innovación e Industria, Montserrat Cores, sinalou que nos últimos anos estase a experimentar un incremento da demanda de produtos de calidade por parte dos consumidores, e indicou que dentro de esa dinámica Galiza desempeña un papel importante, grazas a súa tradición produtora de alimentos coas máximas garantías. Subliñou tamén a aposta que se está realizando desde a Xunta de Galiza por promocionar os nosos produtos alimentarios de calidade.

Finalmente, a directora do Salón de Delicatessen, Ana Montenegro, salientou que o certame ten o claro obxectivo de "apoiar a todos os profesionais relacionados coa gastronomía de calidade" e lembrou que nesta quinta edición o salón presenta novidades en canto aos produtos representados así como ao amplo programa de actividades complementarias, entre as que destacou o Seminario sobre Distribución que terá lugar mañá. Ademais, agradeceu o apoio das institucións que colaboran na celebración do certame.

O salón conta coa presenza de catrocentas marcas representadas, e arredor de sesenta expositores directos, e unha veintena de denominacións de orixe, así como comercializadores e diversos productores de distintos puntos do Estado, que permanecerán no IFEVI ata o vindeiro xoves, 23 de outubro.
Descargar todas as imaxes