Escoitar

Os norteamericanos Vic Chesnutt e Elf Power abren o venres o programa de outono do Sinsal

O festival Sinsal inicia o venres a súa edición de outono coa actuación dos norteamericano Vic Chesnutt e Elf Power no Centro Cultural Caixanova. O concerto comezará ás 21.00 horas con entrada de 10 euros; desconto do 50% para estudantes e membros da comunidade universitaria de Vigo.

xoves, 18 set 2008
1221743699149050.jpg
Vic Chesnutt
O home que converteu a súa pronuncia do inglés nun instrumento central do seu xeito de facer música, o norteamericano Vic Chesnutt (Florida, 1964), recunca nos escenarios para presentar North Star Deserter (Constellation, 2007), o seu undécimo traballo e talvez o mellor da súa carreira. Gravado no mítico estudio analóxico Hotel2Tango de Montreal para o que fora un dos selos de referencia do post-rock, co cineasta Jem Cohen na produción e na compaña de Guy Picciotto (Fugazi) e todos os membros de Thee Silver Mt. Zion Memorial Orchestra & Tra-La-La Band, entre outros, este disco deixa atrás a beleza morosa de Guetto Bells para nos amosar un Chesnutt sombrizo e acedo, por veces sarcástico, no limiar da apocalipse. Prolífico, fondo, sempre incómodo, este pioneiro do freak folk confesional, este prometeo en cadeira de rodas segue a explorar o seu particular imaxinario sureño, a arrandear entre a traxedia e a distancia.

Procedentes de Athens (Georgia) e banda de culto no seu país, Elf Power son os últimos representantes de Elephant 6, aquel colectivo que mesturaba as sonoridades indie dos anos noventa co remol máis luminoso dos sesenta e que integraban grupos tan importantes como The Apples In Stereo, Olivia Tremor Control ou os Neutral Milk Hotel do fabuloso In the Aeroplane Over The Sea (1998). Colaboradores de Vic Chesnutt dende que o convidaran a participar no seu Walking With The Beggar Boys (Orange Twin, 2003), Andrew Rieger, Jimmy Hughes, Derek Almstead, Eric Harris, Laura Carter e Heather McIntosh son tamén a súa banda de acompañamento nesta xira. Xuntos veñen de gravar Dark Developments (Orange Twin, 2008).
1221743699149050.jpg
1221743859aa150604.jpg
Descargar todas as imaxes