Escoitar

Santi Domínguez anima á cidadanía a gozar co espectáculo do Gran Premio Turismo de Vigo de Powerboat

O Gran Premio Turismo de Vigo, proba do Campionato do Mundo de powerboat, disputarase do 12 ao 14 deste mes no porto e ante a praia de Samil, e será a única cita do calendario do Mundial, que xa celebrou catro probas (San Benedetto, Marsella, A Valletta e Hammamet) e ao que tras Vigo lle quedarán as de Portimao (Portugal) e Manama (Bahrein).

martes, 9 set 2008
1220965728power.jpg
O espectáculo de barcos capaces de alcanzar os 160 quilómetros/hora (poden chegar ata aos 500 km/h pero a organización dispón o límite de seguridade en 160) foi presentado onte no salón de sesións da Autoridade Portuaria. Santiago Domínguez, tenente de alcalde, subliñou a importancia dun evento como este polo retorno económico que da á cidade. "En tempos de crise é moi importante saber utilizar os recursos públicos e coa powerboat haberá un retorno moi importante porque os hoteis están practicamente cheos, o visitante é de alto nivel adquisitivo e a proba vai dar unha gran promoción da cidade", dixo.

Domínguez Olveira subliñou que Vigo é a única cidade do Estado onde recalará este gran circo da chamada "Fórmula 1 do mar" e que iso significa "un banzo máis para que Vigo sexa un gran referente en todos os deportes de mar".

Mario Ubiaga, como responsable da organización, enumerou as competicións e actividades da powerboat do venres ao domingo, con dúas carreiras sprint o sábado no porto (na clase Supersport ás 11.30, e da Evolution ás 18.30) e dúas carreiras endurance o domingo fronte á praia de Samil (ás 11.30 a Supersport e ás 16.30 para a clase Evolution). Ubiaga, do mesmo xeito que o tenente de alcalde, pediu o apoio do público e lembrou que a entrada é gratuíta, "só hai que buscar o mellor lugar para seguila".

Santiago Domínguez tamén expresou o seu desexo de que a asistencia de público aos miradoiros "sexa extraordinaria", e recordou a saída da Vuelta ao Mundo de Vela, en novembro de 2005, co village abarrotado. Agora montouse outro no porto, con acceso de balde. As embarcacións estarán permanentemente no paddock salvo cando estean competindo.

Rafael Ceñal, comandante naval de Vigo, aplaudiu a iniciativa municipal e anunciou que unha corveta, a Infanta Cristina, estará en Vigo con motivo da powerboat.
Descargar todas as imaxes