Escoitar

O alcalde e o conselleiro de Medioambiente garanten a normalidade das augas do Lagares e Samil

O alcalde, Abel Caballero, e o conselleiro de Medioambiente da Xunta de Galicia, Manuel Vázquez, deron este luns por concluída a crise medioambiental derivada do incendio da fin de semana no polígono industrial de O Gorxal afirmando que as análises garanten "con rotundidade" que o río Lagares e Samil "recuperan o seu estado de normalidade", polo que no areal vigués ondeará hoxe a bandeira verde que a fai apta ao baño. <br />

luns, 8 set 2008
1220878776alcaldegorxal.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o conselleiro de Medioambiente da Xunta de Galicia, Manuel Vázquez, reuníronse hoxe luns para dar por concluída a crise derivada do incendio que destruíu esta fin de semana unha nave no polígono industrial de O Gorxal, en Cabral.

Das 11 compañías inmersas no suceso, o lume afectou o almacén de lexías e deterxentes da empresa QuimiZor, compoñentes que alcanzaron o Lagares e obrigaron a izar a bandeira vermella en Samil onte domingo, aínda que a lexía nunca chegou á parte baixa do río nin, por conseguinte, ao areal vigués.

A crise medioambiental, da que non se detectaron principios perigosos para a saúde humana e cobrouse a vida de 300 quilogramos de peces, pechouse hoxe xa que as análises das augas do Lagares e de Samil revelan que ambas recuperan a súa "normalidade absoluta", segundo explicou o alcalde.

Os niveis de deterxente en Samil, detallou Vázquez, son xa "inapreciables", por debaixo do 0,1 miligramos, cando o máximo permitido para o baño é de 0,3 mg, e os niveis acadados onte domingo oscilaron entre os 0,5 e os 2 mg, sinalou. No Lagares, as análises cifran en 0,2 mg cantidade de deterxente.

O "máximo dano" no río causouno o deterxente, salientou o conselleiro, que pasou de estar diluído nas augas fluviais a converterse en escuma por un procedemento natural, o que facilitou a súa eliminación. En total, foron retirados 280.000 litros de auga.

O alcalde e o conselleiro explicaron que desde as 16 horas do pasado sábado non chegou máis deterxente ao río, polo que ás 20 horas do domingo a praia de Samil recuperaba unha normalidade "aparentemente visible", salientou Abel Caballero.

Manuel Vázquez subliñou que a Consellería de Medioambiente, en coordinación co Concello de Vigo, leva dous meses traballando para eliminar os 24 puntos detectados de verquidos contaminantes ao Lagares. Do total, a metade aproximadamente corresponde a industrias e a outra metade son de orixe doméstica.

O conselleiro rematou agradecendo a cooperación dos departamentos municipais involucrados no incendio e nos seus efectos medioambientais, e desexando que este acontecemento sexa "un punto de partida para recuperar e rexenerar o Lagares".

Demolición
O rexedor local visitou esta mañá a nave industrial afectada xunto co concelleiro de Urbanismo e os técnicos municipais do departamento, e constataron os danos "moi serios e irreversibles" que presenta a estrutura metálica da mesma, o que a sitúa nunha "necesidade de demolición". O alcalde informou que existen partes que precisarán dunha demolición inmediata mais a estrutura principal non presenta un perigo de derrube inmediato.

O lume se iniciou na empresa QuimiZor e se transmitiu ao andar superior onde se atopaba material de sinxela combustión, o que axudou a animar o incendio, segundo explicou Abel Caballero.

A Policía e os bombeiros atopáronse con dificultades de acceso pola fachada superior, polo que procederon a arrefriar a cara sur, a cuberta e a "masa verde" que a unía cunha gasolineira próxima.

Abel Caballero adiantou que o proceso de demolición será "lento" pero que o Plan Xeral contempla o terreo como solo industrial, co que será posible a reconstrución no solar que albergaba 11 empresas e uns 110 traballadores directos.

O alcalde informou que, do total de empresas, unicamente QuimiZor conta "nunha revisión inicial" con licencia para almacenar deterxentes. Das 10 restantes "non aparecen as licencias" de actividade, aínda que Abel Caballero mostrouse cauteloso ao respecto da situación urbanística das firmas.

O alcalde finalizou a súa intervención agradecendo a cooperación da cidade, o traballo das 255 persoas que se dedicaron á crise e a colaboración da Consellería de Medioambiente da Xunta de Galicia.

Próximos pasos
Na tarde deste luns, o Concello citará aos afectados para abordar o futuro das empresas e dos seus empregados. Na reunión, presidida polo alcalde, estarán presentes o tenente de alcalde e delegado municipal de Industria, Santiago Domínguez, os responsables locais de economía e seguridade, representantes das Consellerías de Industria, Traballo e Medioambiente da Xunta de Galicia e membros dos sindicatos e das empresas involucradas.
Descargar todas as imaxes