martes, 7 decembro 2010

O alcalde anuncia a "inminente" inauguración da humanización de Escultor Gregorio Fernández

Así o asegurou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, tras visitar na mañá deste martes os traballos que se están a levar a cabo nesta rúa. Caballero explicou que a inversión de 1,2 millóns de euros da resposta as necesidades dun estrada que estaba nun "estado lamentable e moi deteriorada". O rexedor mantén que a principios de xaneiro o arquitecto Thom Mayne estará en Vigo para presentar o proxecto da nova estación de Urzáiz que terá a súa entrada á altura desta rúa.

Eudosio Álvarez anuncia que en mes e medio estarán sinalizados un total de 77 edificios históricos de Vigo

martes, 7 dec 2010

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, anunciou este martes a posta en marcha da segunda fase de sinalización do patrimonio arquitectónico e cultural da cidade, que inclúe 40 edificios históricos, que se suman aos 37 da primeira fase. Segundo o edil nacionalista, esta iniciativa ten o obxectivo de "divulgar dun xeito permanente e accesible a toda a cidadanía todo este potencial histórico", que inclúe entre outros inmobles como a Casa Bárcena, o edificio Pardo Labarta, o grupo de casas para Benito Sanjurjo e o edificio Curbera.

O Museo da Cidade organiza visitas guiadas á mostra "Unha nova pinacoteca para Galicia" ata fin de ano na Casa das Artes

martes, 7 dec 2010

Co gallo da exposición "Quiñones de León: unha nova pinacoteca para Galicia", que se pode visitar na Casa das Artes, o Museo da Cidade pon en marcha un programa didáctico que inclúe visitas guiadas para o público en xeral e actividades especificamente dirixidas a escolares e familias. Segundo informa a Tenencia de Alcaldía e as concellerías de Cultura e Patrimonio Histórico, mediante estas actividades os participantes poden achegarse gratuitamente e de xeito entretido ao contido da mostra, unha selección de 83 obras da colección municipal da plástica galega dos séculos XIX e XX, que inclúe obras de artistas como Serafín Avendaño, Maside, Sotomayor, Castelao, Laxeiro, Colmeiro e Lugrís.